Manuel Martín: "Queremos que as persoas maiores non perdan o dereito á atención sanitaria"

Manuel Martín, médico e voceiro de SOS Sanidade Pública.
A Plataforma SOS Sanidade Pública da Galiza retoma as mobilizacións na rúa a vindeira quinta feira, 25 de xuño. Baixo o lema 'A sanidade pública é precisa, agora máis que nunca', manifestarase contra a precariedade, os recortes e a privatización. Nós Diario conversa co seu portavoz, Manuel Martín.

—SOS Sanidade Pública volve saír á rúa despois da COVID-19. Por que?

A situación sanitaria presenta perfís complicados. É verdade que non tivemos unha epidemia con moitas persoas afectadas entre a poboación xeral, mais a a mortalidade e a afectación nas residencias de maiores foi moi alta. Algunhas usuarias morreron sen os coidados nin os tratamentos adecuados, sen esquecer os contaxios que se produciron  entre os traballadoras. Sobre todo nas residencias de xestión privada, a situación está moi deteriorada e, neste escenario, non queremos que as persoas maiores perdan o seu dereito á asistencia sanitaria. 

—A quen lle corresponde esa obriga asistencial?

Cando entran nunha residencia, deixan de ter Atención Primaria e moitas dificultades para acudir aos servizos especializados, como se entrasen nun limbo sanitario. E viuse durante a crise. Moitas usuarias non foron derivadas. Polo tanto, cómpre reforzar esa atención, e non mediante a contratación de médicos en precario nos centros da terceira idade senón a través dos servizos de Atención Primaria da cada área sanitaria. E para iso hai que incrementar de maneira substancial o colectivo médico, de enfermaría e de especialistas da fisioterapia, a psicoloxía clínica ou a terapia ocupacional, perfís que vimos reclamando desde hai tempo.

—A Atención Primaria centrou, de feito, as últimas mobilizacións antes do coronavirus.

Saímos á rúa o 10 de febreiro e freamos outra manifestación prevista para marzo por mor da COVID-19, despois de  moitos meses de protestas ante a deterioración da atención sanitaria. E nada cambiou. Non houbo incremento ningún de persoal, seguimos tendo as mesmas restricións de acceso a probas diagnósticas e malia todo, seguimos sendo o servizo de referencia para as usuarias da sanidade pública ante calquera problema ou malestar físico, familiar ou psicolóxico. De aí a necesidade de profesionais especialistas propios da Atención Primaria, que atendan patoloxías que máis que medicación precisan fisioterapia, por exemplo. O que tamén evitaría que a xente acuda á privada. Precisamos que esa oferta estea vinculada aos centros de Atención Primaria, o que exixe ampliar os cadros de traballadoras, pero tamén a súa calidade.

—Desde a plataforma tamén urxen recuperar a actividade hospitalaria ordinaria. Cal é a situación nos hospitais?

Despois de dous meses case paralizados co fin de evitar colapsos e complicacións sanitarias derivadas do coronavirus nos distintos servizos, a realidade é que seguen estancados, o que fai aumentar de forma espectacular as listas de espera e os tempos de demora. E isto é transcendental para a saúde das persoas pendentes dunha cirurxía, de probas diagnósticas ou dunha consulta especializada ademais de poñer en risco o sistema sanitario público. Sabendo como fai Núñez Feixoo, o máis probábel é que se volva incrementar de maneira brutal o número de derivacións aos centros privados, que xa mantivo durante a crise sanitaria cara a determinadas clínicas, co perigo de que o transvase de fondos públicos á sanidade privada se consolide, a canda a privatización da asistencia sanitaria.

—Está preparado o sistema sanitario para afrontar posíbeis rebrotes?

Nós defendemos a necesidade de reactivar a sanidade en todos os servizos ao cento por cento, sen carencias de persoal nin feches de camas, como se prevén en moitos hospitais nos meses de estío. A isto hai que sumarlle a falta de dotación dos centros hospitalarios e de Atención Primaria derivada de anos de recortes. Non hai colchón para atender a epidemia estacional da gripe, que cada ano satura servizos e corredores. Agora, co coronavirus as exixencias son maiores. Necesitamos recuperar as camas anuladas e dispoñer de capacidade para convertelas en camas de agudos, se a evolución da pandemia o require.

— Neste sentido, o sistema de vixilancia epidemiolóxica estabelecido é suficiente para garantir o control da COVID-19?

O servizo de Saúde Pública estaba en cadro cando empezou a pandemia. Recibía o 0,9% de todo o gasto sanitario, e desa porcentaxe a maior parte levábana entidades privadas colaboradoras do Sergas. Non había persoal suficiente nin un sistema forte. A Atención Primaria podería desempeñar ese labor de vixilancia en coordinación con Saúde Pública, o que require reforzar os cadros de persoal, acabar coa precariedade laboral e mellorar as condicións de seguridade no traballo.

Concentracións en 13 localidades galegas

"Feixoo mente", aseguran desde a Plataforma SOS Sanidade Pública após a "peor crise sanitaria", provocada polo coronavirus, "Non nos salvou el, como di, salvounos o illamento da Galiza, o confinamento e o traballo do colectivo profesional sanitario". Aseguran que a crise non esta superada, e por iso reclaman a recuperación da actividade sanitaria ordinaria, a xestión pública das residencias de maiores e a fin dos recortes e da privatización. "É necesario prepararse ante un posíbel rebrote" e rachar coas políticas da Xunta durante os últimos 11 anos de Goberno, marcadas polo "feche de camas no verán, minguas de persoal e orzamento, eliminación de áreas sanitarias, desmantelamento dos hospitais comarcais, abandono da Atención Primaria, precariedade laboral, paralización das substitucións ou a Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias.