Sanidade anuncia a creación dunha guía de actuación para atender persoas refuxiadas

A fronteira de Medyka, en Polonia, é unha das máis transitadas polas refuxiadas ucraínas que intentan entrar na Unión Europea (Foto: Attila Husejnow / SOPA Images).
Carolina Darias fixo o anuncio onte na Comisión de Saúde Pública

A Comisión de Saúde Pública, en que están representados o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, anunciou onte que "nos próximos días" aprobarase a guía de actuación común de todo o Sistema de Saúde perante a chegada de cidadáns procedentes de Ucraína. A ministra de Sanidade, Carolina Darias, anunciou que na reunión da comisión se abordou "un protocolo coordinado" para dar un "tratamento homoxéneo en todo o territorio estatal" aos refuxiados chegados de Ucraína, que disporán de protección e tarxeta sanitaria de forma "case inmediata".

Deste modo, Darias explicou que o obxectivo é que as persoas que cheguen ao Estado español poidan recibir a vacina contra a Covid-19 e tamén outras doenzas, cun "calendario acelerado" de vacinación. 

Por outro lado, a comisión, reunida onte, aprobou a lista de recoñecemento para a análise da equidade en Estratexias, Programas e Actividades (EPAs) de Saúde, unha actualización da guía para a avaliación da equidade e determinantes sociais.

47 persoas refuxiadas chegan a Compostela

Após percorrer por estrada máis de 3.300 quilómetros, onte chegaron a Compostela case medio centenar de refuxiados procedentes dunha "zona altamente castigada" de Ucraína, un grupo que trouxo até Galiza unha expedición liderada polo Equipo de Investigacións Políticas da USC.

"Hai que pensar que eles tiñan unha vida totalmente normal, como a que podemos ter nós, e que, literalmente, dixéronme que se levantaron un día cunha guerra", contou Pomba Castro, unha das investigadoras. "A medio e longo prazo, confían en voltar ao seu país. "Eles necesitan, queren voltar, para eles isto é temporal e o que queren é ir a Ucraína, canto antes mellor. Eles están confiados en que haxa pronto unha resolución, salientou Érica Jarai, outra das investigadoras.

Envío de axuda humanitaria desde Coles

Onte tamén saíu da localidade de Coles o primeiro convoi de axuda humanitaria froito da campaña iniciada hai unhas semanas por familias ucraínas asentadas na Galiza, en colaboración con UXT.
"Son momentos moi complicados e achegamos o que podemos", dixeron tanto desde UXT na Galiza como desde o Concello de Coles, antes de pedir que "pare este masacre" e solicitar ás administracións "que colaboren entre todas para que isto acabe xa".