Feixoo ve "excesivas" as ceas de dez persoas en Nadal e propón un plan "máis estrito"

Alumeado de Nadal en Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

O presidente da Xunta considera que a decisión que se tomou onte no Consello Interterritorial da Saúde é “de alto risco” e quere que en Galiza haxa un maior control.

Na Galiza non convence a proposta acordada onte no Consello Interterritorial da Saúde. Polo menos así o manifestou hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que asegurou que as reunións de “dez persoas achegadas” van ser “de alto risco” para a expansión dos contaxios por coronavirus.

Para o responsábel do Executivo galego o país debería contar cunhas medidas que supoñan ser “máis estritos” á hora de permitir as ceas e comidas de Nadal. Desde o seu punto de vista contar con estas recomendacións é “mellor” que non ter un marco para as celebracións pero o ve “difuso”.

Para o comité clínico que asesora á Xunta sobre a evolución da pandemia e para a propia Administración “o máis seguro é non mesturar unidades convivenciais”. En calquera caso, de facelo opina que non deberían de ser máis de dous fogares os que se xuntaran.

“Nós seguimos a propoñer ser un pouco máis rigorosos coas recomendacións que se fixeron na pasada xornada”, incidiu. Por iso, seguirán recomendando “de forma intensa” que non queden para as festas máis de dúas unidades familiares.

Feixoo sostén que da mesma forma que as crianzas son “vectores de risco menores que os adultos”, un encontro “de dez persoas achegadas, é dicir, coñecidas” sería de “alto risco”.

“Trátase da responsabilidade individual de cada persoa ou familia para non tentar á sorte”, advertiu en rolda de prensa.

O responsábel insistiu: “Aínda valorando positivamente a recomendación conxunta, eu lle diría a un galego que o máis seguro é celebrar a festa coa mesma familia coa que un celebra os días ordinarios”.