Sanidade adianta cambios no protocolo de acceso de familiares aos hospitais

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Pedro Dávila/Europa Press)
Tras as críticas recibidas pola morte dunha muller con Covid-19 sen poder despedirse das súas persoas achegadas, Sanidade avanza cambios no protocolo de visitas.

“Estase a revisar o protocolo para que unha persoa poida acudir con acompañante a unha consulta ou a un hospital”, trasladou este domingo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras as críticas recibidas pola morte dunha muller con Covid-19 no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo sen poder despedirse das súas persoas achegadas.

Non obstante, Comesaña sinala que tras tratar a situación no comité clínico, os cambios no protocolo de acceso a familiares nos hospitais e as consultas afectará “máis ao ámbito non Covid”.

Aínda que non se concretarán estas mudanzas até os vindeiros días, o conselleiro salientou que nos casos “de doentes Covid próximos ao falecemento, déixase pasar a familiares”, aplicando medidas como un número reducido de persoas ou o traslado do doente a unha habitación simple.

Así e todo, isto non se cumpriu no caso de Vigo, aclarou Manuel Iglesias, fillo da paciente falecida, “esta é a historia da miña nai, mais é a historia de tantas nais e tantas familias que están a sufrir”, sinalou.

Após xuntarse con Iglesias, a líder da oposición e voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, pediu precisamente que a Consellaría impulsara mudanzas que impedisen que situación como estas se repetisen, e que as persoas ingresadas puidesen despedirse dos seus familiares.

Malia a defensa da súa actuación por parte da Xerencia da área sanitaria de Vigo, a decisión do comité clínico abre a porta a unha nova abordaxe da doenza.

Colapso na sanidade

Comesaña esgrimiu que “os requirimentos [para contratar profesionais na sanidade pública] son moi altos” para xustificar a saturación en servizos como Atención Primaria, e cualificou a contratación de persoal xubilado como “complemento e non como parche”.

Con respecto á situación da pandemia de SARS-CoV-2, amosouse prudente e reclamou “adaptarse e convivir con ela”. “Con máis de 600 pacientes ingresados e con falecementos diarios, falar de que xa pasou a pandemia non é axeitado”, resolveu.