A Galiza caerá a 2,65 millóns de habitantes nos próximos 15 anos

Dúas persoas maiores camiñan polas rúas de Vilagarcía. (Foto: Xoán Roberes)
Aliás, unha de cada tres persoas vivirá soa na Galiza en 2037, segundo as proxeccións que publicou o INE esta quinta feira.
  1. Migración interior
  2. Nacementos
  3. Defuncións
  4. 31% dos fogares serán unipersoais en 2037

A Galiza perderá case 35.000 habitantes até 2037, ficando para entón con 2,65 millóns de persoas, o que representaría 1,3% menos que na actualidade, segundo as Proxeccións de Poboación 2022-2072 publicadas esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste modo, o país ficará entre os territorios do Estado español que perderán poboación nos próximos 15 anos, con Castela e León (-96.888 habitantes), Asturias (-66.921 habitantes) e Estremadura (-50.996 habitantes) á cabeza. A Galiza será o cuarto dunha listaxe que fechan Ceuta (-7.327 persoas) e Melilla (-2.571 persoas). O resto gañarán poboación neste período.

En concreto, até 2037 o Estado español gañaría 4,23 millóns de habitantes (+8,9%), até superar os 51,66 millóns de persoas en 2037, mentres que a Galiza perdería case 35.000 habitantes, co segundo peor saldo vexetativo —diferenza entre nacementos e defuncións—, con -108,2%, só superado por Asturias.

De feito, o número acumulado de nacementos só superaría o de defuncións nos quince próximos anos nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla e na Rexión de Murcia, Comunidade de Madrid e Balears. No caso concreto da Galiza, o saldo vexetativo proxectado é de -18.057 en 2021; -19.291 en 2026; -19.458 en 2031 e -19.556 en 2036. No ano 2072 a poboación alcanzaría os 52,9 millóns a nivel estatal, cun incremento de 5,45 millóns de persoas.

Por outra parte, e segundo precisa o INE, de manterse as tendencias actuais, o saldo migratorio co estranxeiro entre 2022 e 2036 en termos relativos ao seu tamaño sería positivo en todos os territorios, lideradas por Balears (190,6) e Canarias (181,9). Así, na Galiza este dato pasaría de +9.116 persoas en 2021 a 16.868 persoas en 2026, para baixar a 12.705 en 2031 e a 8.900 en 2036.

Migración interior

No que atinxe á migración interior, Aragón, Cantabria e A Rioxa serían os territorios que en termos relativos ao seu tamaño atraerían máis poboación procedente do resto do Estado, coa Galiza no sexto lugar con 16,6 persoas migradas por 1.000 habitantes. A Galiza pasaría de 3.747 en 2021 a 2.751 en 2026, para subir a 3.143 en 2031 e a 3.490 en 2036.

As cidades autónomas de Ceuta e Melilla, Comunidade de Madrid, Estremadura e Euskadi presentarían os saldos migratorios do Estado máis negativos neste caso.

O INE explicou que nesta nova edición das proxeccións dirixiuse unha consulta en forma de enquisa a demógrafos de todo o Estado español co fin de estabelecer as hipóteses de comportamento futuro dos parámetros demográficos.

Segundo indica o INE, o "progresivo e ininterrompido" aumento das defuncións, "sempre superior ao número de nacementos", daría lugar a un saldo vexetativo negativo durante todo o período proxectado, que sería superado polo saldo migratorio positivo, o que provocaría un aumento de poboación durante todos os anos do período proxectado a nivel estatal.

Nacementos

O número de nacementos no Estado comezaría a aumentar en 2023 e seguiría medrando até 2041, e entre 2022 e 2036 nacerían perto de 5,5 millóns de crianzas, 14,2% menos que nos 15 anos previos. No entanto, a partir de 2058 os nacementos poderían comezar a aumentar de novo pola chegada ás idades de maior fecundidade de "xeracións cada vez máis numerosas".

"A pesar diso, os nacementos sempre estarían por baixo das defuncións", advirte o INE, que explica que o número de nacementos proxéctase supondo que a fecundidade das mulleres manteña unha leve pero progresiva tendencia á alza. Así, o número medio de fillos e fillas por muller sería de 1,27 en 2036, fronte ao 1,19 actual.

Defuncións

Pola súa parte, a esperanza de vida ao nacemento alcanzaría en 2071 os 86,0 anos nos homes e os 90,0 nas mulleres, cunha ganancia de 5,8 e de 4,2 anos, respectivamente, en comparanza cos valores actuais.

No caso concreto da esperanza de vida para as persoas con 65 anos, en 2071 sería de 22,7 anos para os homes (3,7 máis que agora) e de 26,3 para as mulleres (3,2 anos máis).

Segundo as proxeccións do INE, en 2036 produciríanse 494.371 falecementos entre os residentes no Estado español e en 2071 alcanzaríanse as 652.920 defuncións. E ante o descenso da natalidade e o aumento das defuncións, a nivel estatal habería "sempre" máis defuncións que nacementos —crecemento ou saldo vexetativo negativo— durante os quince próximos anos. Este saldo vexetativo alcanzaría o valor máis baixo contra o ano 2061 e iría recuperando levemente a partir de entón.

A proxección mostra tamén o proceso de envellecemento da poboación e, de manterse a tendencia demográfica actual, o grupo de idade máis numeroso a 1 de xaneiro de 2022 —nados nos anos 1981-1972, é dicir, as persoas entre 40 e 49 anos— seguiríao sendo en 2037 —con idades entre 55 e 64 anos—.

Nos últimos anos da proxección daríase un certo rexuvenecemento poboacional conforme vaian "extinguindo" as xeracións de nados nos anos 70 do século XX, de maior fecundidade. Así, os grupos máis numerosos a 1 de xaneiro de 2072 serían os nados entre 2002 e 2011, cuxas idades estarían entre os 60 e 69 anos. A poboación entre 20 e 64 anos, que actualmente supón 60,7% do total, pasaría a representar 53,1% en 2052. En 2072 recuperaríase en parte, até 54,7%.

31% dos fogares serán unipersoais en 2037

Un de cada tres fogares galegos (31%) estará habitado por unha soa persoa no ano 2037, de acordo coas mesmas proxeccións do INE. Así, a taxa de fogares unipersoais no país en 2037 situaríase por riba da media estatal para ese mesmo ano, que ficaría en 29,8%. No conxunto do Estado español, un total de 6,5 millóns de persoas vivirán soas dentro de 15 anos, o que representa 29,8% de fogares, os que máis medran nos próximos 15 anos.

Na Galiza haberá 55.143 fogares máis dentro de 15 anos, até 1,16 millóns, 5% máis. En concreto, o tamaño medio do fogar pasará de 2,41 persoas a 2,26 persoas. Isto incrementará o número de fogares unipersoais, pasando do 27,4% actual a 31% dentro de 15 anos.