Na Galiza residen máis de 163 persoas maiores de 64 por cada 100 menores de 20

A Galiza sofre un nivel de envellecemento moi acusado, unha realidade que proban as cifras estatísticas. Así, en 2021, na Galiza residían 163,59 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 20. O índice galego de envellecemento multiplicouse por catro desde 1975.
Evolución do índice de envellecemento da Galiza (Gráfico: IGE / Nós Diario).
photo_camera Evolución do índice de envellecemento da Galiza (Gráfico: IGE / Nós Diario).

O índice de envellecemento, calculado como o cociente das persoas de 65 ou máis anos entre as menores de 20 anos, amosa a grao de envellecemento da poboación. No ano 2021, na Galiza, este índice, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), obtivo o valor de 163,59, é dicir, por cada 100 mozos menores de 20 anos residían na Galiza máis de 163 maiores de 64 anos. 

Un índice de envellecemento que se atopa moi por riba da cifra media do conxunto do Estado español, onde en 2021 residían 129,11 persoas maiores de 64 por cada 100 menores de 20. Así, o índice de envellecemento galego supera a media estatal en máis de 30 puntos. 

A diferenza no envellecemento galego con respecto ao do conxunto do Estado español tamén experimentou un importante cambio durante a serie histórica, a diferenza en 1975 era de apenas tres puntos, cun índice de 38,07 na Galiza e de 34,99 no conxunto do Estado español. 

Polo tanto, a diferenza entre o envellecemento galego e o do conxunto do Estado en 1975, de tres puntos, multiplicouse por máis de 10 no transcurso das décadas para superar os 33 puntos en 2021. Esta tendencia de envellecemento na Galiza, ademais, incrementouse sen interrupción en todos os anos da serie, que comeza en 1975. 

Así, mentres que ao principio da serie histórica había na Galiza 38,07 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 20, a última cifra coñecida de envellecemento, a de 2021, chegou a multiplicarse máis de catro veces. Esta taxa alcanzou a paridade no ano 1999, cando por primeira vez desde que hai datos o número de persoas maiores de 64 anos superou o de menores de 20, un índice de envellecemento de 100,31.

Unha cifra de paridade no envellecemento galego que chegou na última década do século XX, nuns anos nos que a poboación galega estaba a experimentar un cambio moi pronunciado na súa estrutura demográfica. 

Desta forma, entre 1990 e 2002, con Gobernos liderados por Manuel Fraga Iribarne, o índice de envellecemento da Galiza chegou a duplicarse en tan só 12 anos, pasando esta taxa da cifra de 60,02 a 119,70. Desta forma, durante a estadía de Fraga na Xunta da Galiza, entre 1990 e 2005, o índice de envellecemento da Galiza aumentou a un ritmo de 4,6 puntos por ano. 

Desaceleración do índice no bipartito e posterior avance con Feixoo

O índice de envellecemento galego experimentou unha desaceleración a partir do segundo ano de Goberno bipartito (PSdeG-BNG), entre 2006 e 2009, nun período no que esta taxa medrou a un ritmo medio de 1,66 puntos por ano. 

Porén, a cifra volveu incrementarse a unha media de 2,2 puntos de crecemento anual entre 2009 e 2021. Desta forma, durante as catro lexislaturas con Alberto Núñez Feixoo ao mando da Xunta da Galiza experimentou unha suba importante no índice de envellecemento, que se incrementou desde 137,25 en 2009 até 163,59 en 2021. A taxa aumentou, por tanto, nun total de 26,34 puntos durante os diferentes Executivos liderados por Feixoo na Xunta.

Comentarios