Medio Ambiente

Poden varios parques eólicos compartir infraestruturas ou están a ser "fragmentados indebidamente"?

Aeroxeradores do parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, na comarca de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais da Galiza nega que haxa concorrencia de "fragmentación" de proxectos eólicos polo feito de compartiren infraestruturas; porén, Salvemos Cabana lembra os precedentes xudiciais que corroboran que un parque "debe ser individualmente considerado desde unha perspectiva unitaria, isto é, que conte cos elementos e os equipamentos necesarios para que poida considerarse unha instalación independente".

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais da Galiza descartou esta segunda feira que se dea o suposto de "fragmentación" dun mesmo proxecto eólico en varios máis pequenos polo feito de compartiren infraestruturas. Nun comunicado, no que se presentaba como o colexio "ao que pertencen moitos dos técnicos asinantes de proxectos eólicos" e como entidade que "realiza o visado destes proxectos para os seus colexiados", salientaba que a normativa actual "indica que o acceso aos nodos da rede eléctrica tense que realizar nun só punto, polo que se existen varios parques eólicos con acceso concedido no mesmo nodo, teñen que compartir as infraestruturas de evacuación para chegar coa súa enerxía ao nodo".

Francisco Pérez, decano da entidade, saía así ao paso das últimas sentenzas xudiciais que paralizaron a execución de diferentes parques eólicos "relacionados cunha suposta fragmentación dos proxectos". Ao fío desta cuestión, o Colexio subliñaba que a Lei 21/2013 marca no seu anexo 1 que instalacións deben acollerse á avaliación ambiental ordinaria, "que é o maior grao de análise ambiental e é a casuística que afecta á enerxía eólica".

Mais esta terza a asociación Salvemos Cabana responde, a través doutro comunicado, aludindo aos precedentes nos tribunais que si apuntan á necesaria independencia de cada proxecto eólico: "Cada parque eólico debe ser individualmente considerado desde unha perspectiva unitaria, isto é, que conte cos elementos e os equipamentos necesarios para que poida considerarse unha instalación independente, de forma que os seus [aero]xeradores non poidan compartir as mesmas liñas, accesos, sistemas de control e infraestruturas comúns, como o edificio necesario para a súa xestión e a subestación transformadora, que teñen que ser elementos inescindíbeis e propios de cada proxecto, o que non sucede non caso de que os parques constitúan un único conxunto unitario por contar con estruturas comúns", recollía o veredicto que tombou o proxecto Campelo, de Greenalia, sobre a "indebida fragmentación".

E engadía o mesmo texto ao respecto que, "por suposto, tales exixencias non poden paliarse ou neutralizarse co preceptivo estudo dos efectos secundarios, acumulativos e sinérxicos do proxecto". "Ningún letrado nega que os tres proxectos compartan liñas e infraestruturas de evacuación, como tampouco que cada un deles fose obxecto de estudo dos seus efectos acumulativos e sinérxicos, así como da súa propia declaración de impacto ambiental, de modo que con iso recoñecen abertamente que se produciu a fragmentación da avaliación ambiental de proxectos de tres parques eólicos que, en realidade, non eran autónomos, senón integrados e dependentes entre si, ao compartir estruturas e conexións, a pesar de que as solicitudes se formularon en datas distantes entre si", precisaban os maxistrados.

Desde Salvemos Cabana citan casos recentes non só do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, senón tamén do seu homólogo en Castela e León, que nunha sentenza referida a un proxecto de Endesa sinala que na avaliación de impacto ambiental de proxectos eólicos "teñen que se ter en conta os efectos sinérxicos e acumulativos das demais instalacións existentes, da liña de evacuación xeral e da subestación colectora", isto é, "todos os elementos que o parque eólico precise para que funcione, así como a súa incidencia en relación cos demais existentes".

De existiren vínculos entre proxectos eólicos, explica noutro auto o mesmo tribunal, "os mesmos deben tratarse como unha sola solicitude", pois a fragmentación de proxectos "infrinxe as disposicións da Directiva 85/337/CEE, modificada por la Directiva 97/11/CE e a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza" a efectos da avaliación de impacto ambiental.

"Cando as empresas enerxéticas empregan de maneira interesada a acción de fragmentar un proxecto maior en varios segmentos de menor entidade, o adecuado é realizar unha avaliación conxunta dos subproxectos conforme ao disposto na Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental, pois con carácter xeral cada procedemento de avaliación ambiental deberá referise a un único proxecto", engaden desde Salvemos Cabana.