Os salarios caeron no ano 2020 na Galiza o duplo que na Unión Europa

Os recortes salariais deixáronse notar de modo moi especial no sector servizos (Foto: Europa Press)
A fenda salarial da Galiza co Estado e a UE continuou a aumentar

A caída das retribucións salariais situouse en máximos en 2020. Segundo un estudo presentado polo Instituto Galego de Estatística(IGE), os salarios reducíronse Galiza no pasado exercicio en 4,3%, certificando unha baixada só superada en toda a serie histórica en 2012, cando asinaron unha contracción de 6,5%. Neste sentido, as cifras do ano da pandemia puxeron remate a catro ano de alzas consecutivas dos salarios, tras unha desvalorización do seu valor de 11,3% entre 2009 e 2014 e unha alza moi moderada no período seguinte, que colocou as remuneracións dos traballadores moi por baixo dos valores en prezos constantes de 2009. 

A perda de poder adquisitivo dos salarios galegos durante a pandemia superou a media da Unión Europea (UE). As retribucións minguaron no seu conxunto na UE en 1,8%, con Estados como Lituania, Países Baixos, Luxemburgo, Francia, Alemaña ou Portugal rexistrando subas en relación co ano anterior. Así as cousas, só Italia cunha caída de 7% declarou uns números peores que Galiza, sendo máis elevada a redución dos salarios na zona euro, con 2,2%, que na Unión Europea. O economista grego Kostas Lapavitsas explicou este fenómeno significando que “o único mecanismo de axuste interno na área euro é a desvalorización interna ao non poder recorrer os Estados aos mecanismos clásicos da política monetaria para pór en marcha medidas anticíclicas”.

Galiza peor que o Estado

O comportamento dos salarios na Galiza foi dos peores do Estado. A súa baixada estivo por riba de Estremadura, Andalucía, Castela e León, Aragón, Navarra, Euskadi, Cantabria, Rioxa, Asturias e Murcia, só presentando uns resultados inferiores aquelas áreas do Estado de grande especialización turística, onde a dinámica do sector servizos xerou distorsións na totalidade das variábeis económicas. Neste liña, non resulta equiparábel a lóxica da economía galega coa da área mediterránea peninsular ou das illas polas diferenzas no seu tecido produtivo, mantendo máis similitudes coa da Unión Europea, tal é como sinala a economista María Cadaval.

O estudo elaborado polo IGE certificou o aumento da fenda salarial da Galiza co  Estado e a Unión Europea Así, sinalou que en 2020 a remuneración salarial por hora traballada na Galiza situouse en 19,1 euros, mentres no conxunto estatal acadou 21,1 euros e na media da UE 24,9 euros. Sendo en 2009 a contía da hora traballada na Galiza de 15,7 euros, a suba dos salarios na última década foi de 3,4 euros, unha cifra moi inferior á da inflación acumulada no período, o que deu conta, ao tempo, da diminución do poder de compra dos traballadores, que só mantiveron as necesidades de consumo co recurso ao endebedamento. 

As rendas do traballo non deixaron de perder posicións fronte ás do capital na última década. Así, o relatorio do IGE, sinalou que as rendas do traballo representaron na Galiza, a 31 de decembro de 2020, o 46 % do Produto Interior Bruto (PIB), exactamente dous punto menos que en 2009, ano da chegada á presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feixoo. Naquela altura, as rendas do capital significaron o 52 % do PIB galego, fronte a 54 % de 2020, nunha clara mostra da perda de poder adquisitivo dos asalariados galegos, quen rexistraron unha das peores distribución das rendas do espazo estatal e europeo.

A desvalorización interna

Sinala o economista keynesiano Ricardo Molero que “é difícil atopar outra rexión do mundo onde, durante a última década, as condicións de vida teñan empeorado en maior medida que nos países do sur da Europa”.

Noutra posición doutrinal, o economista marxista, Kostas Lapavitsas significa que “a crise de 2009 veu certificar a natureza da Unión Europea como un espazo para o intercambio desigual, conforme á lóxica centro periferia e ao servizo dos intereses dos Estados centrais”. Sexa como for, un e outro consideran que a desvalorización interna aplicada polos diferentes Gobernos da periferia da UE é o maior ataque en décadas ás condicións de vida das clases traballadoras, só comparábel, en palabras Lapavitsas, “á vivida no leste da Europa após a caída do bloque socialista ou en América Latina  nos anos 80".

A caída salarial cebouse nas rendas baixas

A caída dos salarios foi moito máis acentuada entre a poboacións con menos recursos. Segundo sinalaron os economistas da Universidade Complutense, Raquel Sebastián e Gabriel Rodríguez e o profesor de Oxford, Juan Cesar Palomino, nun estudo titulado Efectos da Covid-19 sobre a desigualdade e a pobreza en España, na Galiza “a perda salarial dos pobres é de 18,7%” desde o comezo da pandemia, unha tendencia que se repetiu no conxunto do Estado e evidenciou un impacto diferente da crise en función do nivel de renda. Nesta liña, significaron que “os individuos que xa eran pobres antes da Covid-19 sofren as maiores perdas salariais” e concluíron que “se agrava a situación de pobreza dos traballadores que xa eran pobres antes da pandemia”.

Raquel Sebastián, Gabriel Rodríguez e Juan Cesar Palomino destacaron que “a pobreza aumentou na Galiza desde o comezo da pandemia en 8%” e a “desigualdade en 2,9 no índice de Gini”. No mesmo traballo, afirmaron que con anterioridade ao comezo da pandemia o índice de Gini situouse “en 39,5 pasando na actualidade a 42,4”. A este respecto, constataron que o crecemento da desigualdade na Galiza foi idéntico ao de Asturias e Estremadura e superior ao de Navarra, Madrid, A Rioxa, Castela e León, Canarias e Cantabria, colocándose o país moi por diante da media de toda á área norte peninsular.

O tempo económico aberto desde o comezo da pandemia agudizou as vagas de fondo presentes na sociedade, certificando a tendencia á feminización e a xuvenilización  da desigualdade presentes desde 2009. Así, Sebastián, Rodríguez e Palomino, sinalaron que a desigualdade na Galiza foi sete puntos superior nas mulleres que nos homes, superando en dous puntos a estes en risco de exclusión e pobreza.