xoves 16/09/21

O salario dun directivo na Galiza cuadriplica o dos seus traballadores

Por cada 100 euros que cobra un traballador ou traballadora, un directivo ou directiva da súa empresa cobra 366. Unha fenda que, ao ano, representa por volta de 58.000 euros de diferenza entre ambas as dúas categorías. E unha fenda, ademais, que non se reduce, pese a pandemias e crises. 

salarios clases ingresos soldos

O salario medio dunha persoa nun posto directivo en Galiza case cuadriplica o ingreso que de media perciben os seus empregados e empregadas. Unha fenda que, en diñeiro, é de case 59.000 euros anuais: 58.994. Son datos do estudio da escola de negocios Eada e ICSA e no que se constata que os salarios dos directivos aumentaron nestes anos a respecto dos ingresos dos traballadores e traballadoras.

O informe analiza a evolución dos salarios entre 2007 e 2020. A retribución media dun directivo en Galiza é en 2020 de 81.125 euros (era de 76.229 en 2018). Os mandos intermedios ingresan de media 40.494 euros anuais e os empregados 20.131 euros, case 6% menos que a media española.

Así pois, se o salario medio dun empregado galego é igual a 100, o dun directivo en Galiza sería de 366. Unha diferenza semellante á que se rexistra no conxunto do Estado español, onde sería de 100 a 365; mais moi lonxe da media na UE, onde esa fenda é menor.

Aumento

Entre 2007 e 2020 o poder adquisitivo dos directivos incrementou en 25,5%, mentres que nun nivel semellante de aumento se moveron os mandos intermedios (23,7%). Os traballadores e traballadoras, porén, tiveron un aumento de 20%.

Entre 2007 e 2020 o poder adquisitivo dos directivos incrementou en 25,5%

Por territorios, onde se remunera mellor os empregados é en Nafarroa, con 25.666 euros de media, e á cola sitúase Estremadura, con 19.331 euros. Con todo, Madrid lidera as remuneracións de directivos, con 91.394 euros, seguida de Catalunya, con 88.450 euros, e o mesmo sucede entre os mandos intermedios, que cobran máis en Madrid, con 45.620 euros, con Cataluña tamén en segundo lugar, con 44.105 euros brutos ao ano.

Pandemia

Mais a perda de poder adquisitivo dos salarios galegos durante a pandemia supera a media da Unión Europea. Así, para o caso do Estado español, a baixada do salario dos galegos está por riba de estremeños, andaluces, cataláns e leoneses, aragoneses, navarros, cántabros, rioxanos e murcianos. 

Se exceptuamos a anomalía vasca, só fican por riba da Galiza aquelas áreas do Estado cun amplo peso da na súa estrutura produtiva da actividade turística, onde o comportamento do sector xera distorsión nos números finais. 

O estudo presentado polo Instituto Galego de Estatística o pasado mes de xuño certifica o aumento da fenda salarial entre Galiza e o Estado. Así, o IGE sinala que en 2020, a remune-ración salarial por hora traballada na Galiza sitúase en 19,1 euros, mentres no conxunto esta-tal acada 21,1 euros e na media da Unión Europea 24,9 euros.

 Sendo en 2009 a contía da hora traballada na Galiza de 15,7 euros, a suba dos salarios na última década é de 3,4 euros, unha cifra moi inferior á da inflación acumulada no período, o que dá conta, ao tempo, da diminución do poder de compra dos traballadores, que só se mantivo co recurso ao endebedamento.

Un ano de pandemia deixa pegada tamén na economía dos fogares galegos. Hai agora un 20% máis de fogares que chegan mal a fin de mes dos que había no primeiro trimestre do ano pasado

Fogares

E en que se reflicte isto? En que chegar a final de mes é unha dificultade para seis de cada dez fogares na Galiza. 

Un ano de pandemia deixa pegada tamén na economía dos fogares galegos. Hai agora un 20% máis de fogares que chegan mal a fin de mes dos que había no primeiro trimestre do ano pasado, antes da irrupción con forza da pandemia e as súas consecuencias no plano económico.

Segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, no primeiro trimestre de 2021 aumentou a pobreza ao se disparar os casos en que se chega con dificultade ou moita dificultade a final de mes, até supor un 58% do total, unha porcentaxe 10 puntos maior que un ano antes, cando era de 48%. 

Afondando na distribución, os fogares que chegan con dificultade a final de mes son 47% e os que rematan cada mes con moita dificultade, 10,01%, achegándose entre ambos os dous a ese 60%. Pola contra, 47% di que chega con facilidade ou moita facilidade. Deste modo, os fogares con dificultades superan o 50% por 4º trimestre consecutivo.

Ingresos a partir das prestacións

A dependencia dos fogares de ingresos que non proceden de relacións laborais actuais é cada vez maior. O propio IGE publicaba que 42% dos fogares teñen nas prestacións a súa principal entrada económica.  En  2019 (último ano computado pola institución, antes da pandemia) había  447.000 fogares na que a súa vía de ingresos máis importante derivaba das prestacións (xubilación, incapacidade, desemprego etc.).

comentarios