Sabes cantas vacas hai no teu concello?

Vacas pastando nunha leira (Foto: Xunta da Galiza).
Unha conta de Twitter difunde cada día o número de vacas que hai en cada concello galego e fai o cálculo en relación ao número de habitantes que ten

Será un mito o de que hai máis vacas que habitantes? A conta de Twitter @cantasvacashai difunde cada día, con datos actualizados do Instituto Galego de Estatística (IGE) cantas vacas hai nos concellos galegos.

Con textos como "No Concello de San Cibrao das Viñas hai un total de 11 vacas e 5395 habitantes. 0,002 vacas por habitante" relaciona o número de animais en cada municipio co número de habitantes.

A conta creouse en xaneiro de 2018 e fai reflexionar, a través destes datos, sobre a continuidade da presenza destes animais no país.

En realidade trátase dun 'bot' que realiza as mensaxes de maneira automática aínda que o seu éxito é evidente e despois de algo máis de tres anos de funcionamento conta con 3.129 seguidoras e seguidores. 

Se analizamos os datos que facilita descubrimos que non todo o territorio galego conta por igual cun gran número destes animais. Nótase a súa concentración en zonas do interior das comarcas de Lugo, A Coruña e principalmente na comarca do Deza, onde está situado o municipio con máis vacas: Lalín que conta con 14.974.

Malia ser unha fonte importante de ingresos no rural, a súa presenza é cada vez menor, como veñen denunciando as organizacións agrarias. 

Á falta de renovación en moitas granxas hai que engadirlle o aumento dos custos que non fan rendíbeis as explotacións. Ademais, o Ministerio de Agricultura anunciou que prepara unha lei que podería prohibir dúas granxas se entre elas hai menos de 500 metros.