O rural, máis accesíbel a través dunha nova plataforma tecnolóxica

Boteiro no entroido de Viano do Bolo. (Foto: Juan carlos Muñoz).
GA-LINK é unha ferramenta de carácter aberto, transparente e colectivo que busca se un revulsivo para o rural.

Estudantes do Campus Terra da USC desenvolven a plataforma GA-LINK, premiada na III edición do Terra Creative Jam, para difundir a oferta de lecer, así como as distintas actividade e eventos programados nos distintos territorios da xeografía galega. Esta nova ferramenta, apuntan, "antóllase como un pequeno remedio fronte á deslocalización e o descoñecemento".

A idea, impulsada por cinco estudantes do Campus Terra á que na actualidade dan continuidade tres estudantes do grao en Robótica na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, pretende "dar a coñecer dunha maneira directa todas as actividades, produtos e todas as experiencias que ofrecen os pequenos lugares da Galiza".

Revulsivo para o rural

GA-LINK xorde en resposta, cando menos en parte, ás necesidades advertidas por Juan Hernández, Gabriel Barrigón e Abel Belhaki, tres estudantes procedentes de Albacete, Cáceres e Murcia, respectivamente, que na súa estadía en Lugo botan en falta a dispoñibilidade dunha axenda en tempo real que permita que calquera poida consultar desde o seu móbil que é o que está a suceder na súa contorna. Alén desta utilidade particular, GA-LINK ofrece tamén a pequenos concellos, aldeas e empresas unha plataforma aberta para darse e a coñecer e atopar o seu sitio no mapa.

"Ao ser de fóra sentimos dunha forma máis radical a necesidade dunha aplicación que nos facilite a estancia nun territorio completamente novo", explican, ao tempo que comentan que "a miúdo, neste mundo hiperconectado, estamos máis informados sobre o que sucede alén do planeta que na nosa propia contorna".

Segundo informa a USC, a plataforma parte dunha interface moi simple e intuitiva na que calquera usuario pode consultar todos eses eventos, festas e atractivos que pode atopar perto da súa localización. Unha sorte de mapa colectivo no que profundar nas paixóns e afeccións individuais, relatan os creadores.

Os promotores de GA-LINK aseguran que o carácter aberto, transparente e colectivo desta plataforma pode representar un revulsivo para o rural.