O rural galego, en situación de "emerxencia social" polos eólicos

Unha persoa cun cartel en contra dos eólicos na manifestación decorrida en xuño en Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)
A Rede Galega Stop Eólicos alerta dos graves problemas aos que se vai enfrontar a Galiza menos urbana se continúan adiante todas as tramitacións de polígonos en marcha. “Se o plan da Xunta en connivencia con determinadas empresas enerxéticas sigue adiante, estariamos diante da vulneración flagrante de Dereitos Humanos inalienábeis das persoas individuais e das comunidades rurais”, din, ao aludir ás 275 peticións que virían a sumar muíños aos máis de 4.000 que xa están dentro da paisaxe do país.

O boom eólico na Galiza e o profundo rexeitamento social son ben coñecidos a nivel social desde hai meses, pero agora a Rede Galega Stop Eólicos (RGSE) fai unha advertencia máis alá de todos os puntos negativos que se resaltaron ante a tramitación de novos polígonos enerxéticos ao subliñar que o rural está nunha situación de “emerxencia social”.

O colectivo, que trasladou a información a través dos representantes Margarida Prieto (do Sindicato Labrego Galego) e Bruno Centelles (de SOS Groba e o Instituto de Estudos Miñoráns), tenta reducir o número de muíños que sen van instalar, e polo tanto o seu impacto, sinalando os efectos desa “invasión eólica do medio rural galego”.

“Amparándose na estratexia de transición enerxética, e nunha carreira por facerse polo fondos europeos da Covid-19 para a recuperación económica, o noso rural está a vivir un auténtico pesadelo: ducias de solicitudes en tramitación que criban as nosas aldeas coa instalación de aeroxeradores e liñas de alta tensión”, lamentan.

No momento actual hai perto de 275 peticións para pór en marcha outros tantos parques eólicos con máis de 7.500 mw. -só ligados a esas solicitudes novas- mentres que, atendendo á información do Observatorio Eólico da Galiza, en 2019 había instalados xa 4.026 muíños cunha potencia de 3.900 mw.

“É unha invasión clara do medio rural: dos 4.000 aeroxeradores que temos instalados a metade están en municipios de entre 2.000 e 4.000 habitantes”, lamenta o colectivo, que tamén lembra que outras comarcas enfróntanse á vez a esta explotación enerxética e a concesións mineiras tamén vixentes.

Algúns exemplos do que está por vir

Os exemplos que dan son sobre a presión eólica son o Parque Eólico Vilartoxo, que Green Capital, prepara para os municipios da Baña e Val do Dubra. Na zona está previsto instalar 303 aeroxeradores ademais dos 127 en funcionamento.

Aliás, no Deza a mesma compañía ten previsto o polígono Alborín e Enel Green Power programa o Badulaque, que ocupará terreos dentro dos límites municipais das Pontes, As Somozas, Cedeira, Cerdido, Moeche e Valdoviño.

“Este escenario implica deixar de coñecer o noso rural como o vimos coñecendo até o dagora. Galiza converteríase nun xigantesco parque industrial. As terras, os montes, converteríanse nunha paisaxe cada vez máis industrial, co abandono progresivo e crecente dos tradicionais mosaicos agroforestais”, denuncia a RGSE.

Isto implica, segundo incide, esa “emerxencia” na paisaxe, na “fragmentación dos hábitats”, a perda da biodiversidade...

Así, a rede considera que “se o plan da Xunta da Galiza en connivencia con determinadas empresas enerxéticas sigue adiante, estariamos diante da vulneración flagrante de Dereitos Humanos inalienábeis das persoas individuais e das comunidades rurais”.