Como foron as cabalgatas de Reis no rural?

Os Reis Magos chegaron onte na traíña dos Galos ao porto de Bueu. (Foto: Nós Diario)
O 5 de xaneiro sempre se caracteriza polas cabalgatas de Reis que decorren nos distintos municipios galegos. Con todo, moitos concellos decidiron impresionar as crianzas con novas propostas, especialmente nas zonas rurais. Gandeiros nos desfiles, tractoradas e contacontos foron algunhas das sorpresas deste ano.

Despois de dous anos marcados polas restricións provocadas pola pandemia da Covid-19, as cabalgatas de Reis de onte recuperaron o formato habitual e engadiron novas propostas para sorprender crianzas e maiores.

Esta tarde, os Reis Magos chegaron aos municipios galegos en tren, moto, tractor, coches clásicos ou mesmo por mar, desde un barco até un galeón, e proseguiron o seu paseo polas rúas nas súas tradicionais carrozas ou en dromedarios reais, como no caso de Ourense. Nas cabalgatas, que ofreceron distintas temáticas recoñecíbeis, lanzáronse toneladas de caramelos sen glute.

Os Reis no rural

Para pór en valor o rural, en varios concellos galegos -Ames, Santiago, Melide, Mazaricos, Caldas de Reis e Ribadeo- participaron nos desfiles personaxes inspirados nos traballos da gandaría. Así, gandeiros e gandeiras infiltráronse na cabalgata para axudar os Reis a repartir caramelos entre as crianzas e, no remate, regalaron batidos de chocolate e globos. Esta proposta foi unha iniciativa da Cooperativa Rural Galega (CLUN) para “darlle visibilidade aos gandeiros e gandeiras da Galiza porque o maior compromiso da nosa cooperativa é o rural”, sostiveron.

Ademais, no caso de Mazaricos, na comarca do Xallas, o Concello organizou unha tractorada ás 17 horas coa que as súas Maxestades de Oriente fecharon unha programación de Nadal que reivindicou o carácter rural do municipio. Nesta liña, Mazaricos tamén recuperou para estas festas a Carreira do Leite e o Brinde Leiteiro do 31 de decembro.

Novidades na chegada dos Reis Magos

O Concello de Vilagarcía de Arousa acolleu onte un belén vivente que regresou despois de tres anos. 420 persoas acompañaron a Melchor, Gaspar e Baltasar na cabalgata que finalizou na praza de Ravella. Alí, onde xa estaba disposto o belén humano, os Reis realizaron a ofrenda ao neno Xesús e atenderon as peticións das crianzas. Mentres, no concello da Pontenova (A Mariña), as súas maxestades comezaron o seu percorrido probando a corda tirolesa das Minas, unha aventura que rematou na Casa da Cultura. No caso da Illa de Arousa, os Reis chegaron a bordo dun galeón ao porto, onde os esperaban os seus axudantes nunha carroza. 

Aínda que a tradición conta que o Apalpador baixa das montañas o 24 e o 31 de decembro -por Noiteboa e Noitevella- esta cuarta feira tamén visitou o municipio de Pontecesures (Caldas) nun encontro previo á cabalgata dos Reis Magos desta tarde. Pola súa parte, en Boqueixón (Compostela) decorreu a tradicional Festa dos Reis; e en Sanxenxo (O Salnés) o desfile estivo precedido por un percorrido do “tren mago” polas parroquias cun espectáculo pirotécnico de máis de 100 efectos e formas diferentes durante a noite. Ao Concello de Vedra (Compostela), os Reis chegaron en moto.

Por outra parte, Tui (Baixo Miño) e Valença do Minho celebraron a duodécima edición da cabalgata internacional da Eurocidade na que os Reis visitaron ambos os municipios, saíndo da cidade portuguesa e chegando ao Paseo da Corredoira de Tui ás 19 horas.

Aldearmos no Xurés

A festa dos Reis non se reduce ás cabalgatas de hoxe ou ao roscón que se degusta na xornada de mañá. No Xurés decorrerán o sábado diversas actividades enmarcadas no programa Aldearmos, unha iniciativa da Rede Aldear, que busca pór en valor o rural galego.

Esta xornada posterior á visita dos Reis é unha proposta de Nadal ecoloxista centrada na tradición oral. Así, comezará coa presentación da Rede Aldear que dará paso á conferencia de Anxo Moure sobre como sementar milleiros de árbores. O evento continuará cunha andaina pola ruta das Capelas no mediodía. Despois será a quenda do festival de narradores no que participarán o propio Anxo Moure e a contacontos Uxía Morán. A xornada finalizará co concerto da docente do campus de Ourense Susa Herrera. Todos os eventos decorrerán na Casa do Parque de Grou, na localidade homónima, en Lobios (Baixa Limia). O proxecto Adearmos é unha iniciativa da Rede Aldear que conta co apoio da Universidade de Vigo (UVigo) e de Agadic, e o seu obxectivo é dinamizar a cultura no campo galego a través de distintas actividades.

Tractoradas, visitas do Apalpador e unha xornada no Xurés para fechar a festa de Reis

Despois de que o Apalpador visitara esta semana as crianzas do concello de Pontecesures, as cabalgatas dos Reis Magos foron o evento de obrigada asistencia na tarde de onte. Nalgúns concellos rurais, estes desfiles estiveron cargados de sorpresas, como a tractorada de Mazaricos, a chegada en barco dos Reis ao porto de Bueu ou a presenza de Castelao na cabalgata da Estrada -onde reivindicaron o valor da lingua galega-. Aliás, Aldearmos ten preparada no Xurés unha xornada para fechar o día de Reis.