Rueda non desvela quen xestionará a nova residencia de Cerdedo-Cotobade

Alfonso Rueda durante a visita a residencia Cercedo-Cotobade. (Foto: Nós Diario)
A Xunta inaugurou esta segunda feira o centro, de 46 prazas.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou no día de hoxe na inauguración da nova residencia de maiores de Cerdedo-Cotobade. Segundo especificou o Goberno galego, o centro “suma 46 novas prazas públicas á Rede de Coidados a Persoas Maiores da Galiza”.

Acompañado da conselleira de Política Social, Fabiola García, o presidente do Executivo galego destacou o investimento de dous millóns de euros que realizou a administración nas instalacións da residencia, cuxa apertura de portas terá lugar previsibelmente a finais deste ano, a pesar de que as primeiras previsións apuntaban a xaneiro deste ano.

Porén, segundo denunciou a veciñanza do concello, Rueda evitou desvelar cal será o tipo de xestión baixo o que se desenvolverá a actividade, polo que a día de hoxe non se sabe si o centro vai a ser de xestión pública ou privada. Segundo detalla a veciñanza, a construción do edificio leva rematada e co seu equipamento desde novembro de 2021 e “cunha lista de 1500 persoas na Galiza agardando por unha praza”.

“Coa pandemia da Covid-19 quedou reflectida a importancia de contar con residencias de xestión pública, xa que o maior índice de falecidos decorreu nos centros privados”, subliña unha veciña.

Unha investigación elaborada pola Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC para a Xunta, con datos a 30 de xuño de 2021, indica que “a taxa de incidencia da Covid foi superior de forma significativa nos centros con titularidade privada en comparación cos centros de titularidade pública”.

Menos de 23% de prazas de xestión pública

Actualmente, o noso país conta con 21.944 prazas para maiores, incluíndo xeriátricos e pisos tutelados. A cifra está por baixo dos estándares requiridos pola Organización Mundial da Saúde (OMS), que aconsella tres prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos e obrigaría a contar con 33.643 prazas. Neste sentido, a Galiza sitúase á cola do Estado en prazas de residencia de carácter público.

Os centros de maiores de xestión privada son o único recurso asistencial para moitas familias. En total, 22,8% das prazas de residencia da Galiza son de titularidade pública e 77,2% de xestión privada, malia a ser propiedade os inmóbeis en moitos casos do Goberno galego, quen entregou a Administración das mesmas aos grandes operadores do sector.

Así, entre estas sinálanse aqueles grupos controlados por grandes fondos de investimento, como DomusVi, con máis de 29 estabelecementos na Galiza e a Fundación San Rosendo, xestor de máis de 3.200 prazas e ligada a Igrexa Católica.