Rueda di que a planificación da Xunta foi "perfecta" malia deixar 200 prazas sen cubrir no servizo antiincendios

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu onte en Compostela a reunión para a habilitación de axudas a persoas afectadas polo fogo. (Foto: Arxina)

As denuncias de "falta de medios" volveron marcar onte unha nova xornada de incendios na Galiza. Mentres Rueda recoñecía que a Xunta mantiña vacantes no servizo de extinción, os sindicatos do sector urxían a súa cobertura.

Alfonso Rueda recoñeceu onte a existencia de perto de 200 prazas vacantes no servizo de extinción de incendios, mais restoulle importancia. A preguntas de Nós Diario sobre as denuncias efectuadas polos sindicatos a respecto da tardanza da Xunta da Galiza en cubrir diversas prazas no operativo contraincendios, o mandatario galego referiuse á convocatoria efectuada na sexta feira para cubrir 198 postos de diferentes categorías profesionais e sinalou que "cada un saberá o que ten que facer en cada momento".

"Nestes momentos", apuntou Rueda, "eu agradezo aos miles de efectivos que están traballando contra a o lume, dándoo todo e deixándose a pel, que é o que cómpre agora mesmo". "Admito todas as críticas, xa chegará o momento de respondelas. Nesta en concreto, as  prazas non cubertas eran por baixas; fanse chamamentos continuos para cubrilas e tamén son criticados", dixo.

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza (Pladiga) foi aprobado en maio, apenas unhas semanas antes de que comezase a tempada de alto risco e cando este plan debería estar xa aprobado a finais do ano pasado. Porén, para o presidente este atraso non parece relevante. “Todos os anos apróbase máis ou menos nas mesmas datas”, respondeu a Nós Diario, que preguntou se iso non debilitaba a loita contra o lume. “Cando empezou a tempada de lumes”, dixo, “a planificación, que iso é o Pladiga, estaba perfectamente preparada”.

O titular da Xunta compareceu ante os medios após a reunión en San Caetano na que se puxo en marcha o procedemento para aprobar as axudas para daminificados pola vaga de lumes. “Queremos lanzar as axudas cando antes”, afirmou, polo que van comezar xa a facer unha valoración dos danos. Agarda aprobar as axudas nun Consello da Xunta extraordinario na segunda feira.

Por outra parte, defendeu non solicitar o nivel 3 de emerxencia alegando que iso "non suporía máis medios para a extinción dos incendios", e defendeu a coordinación por profesionais desde Galiza, "que son os que mellor coñecen o terreo e os lumes". Si pedira o nivel 3, porén, durante o apagamento do 28 de abril.

Críticas dos sindicatos

As explicacións do presidente da Xunta da Galiza non convenceron ás organizacións sindicais con representación entre o persoal do servizo de extinción de incendios. A este respecto, a secretaria nacional da CIG-Administración e traballadora do servizo de extinción de incendios, Zeltia Burgos, denunciou en declaracións a este xornal a "caótica xestión" do Goberno galego e responsabilizou da mesma a Consellaría do Medio Rural.

"Chegamos a isto", aseverou Burgos, "porque desde a Secretaría Xeral Técnica da Consellaría se negaron a cubrir os postos vacantes e non vacantes antes da campaña de incendios a pesar de que as persoas expertas e a representación do persoal alertamos de que ía ser unha campaña difícil e de que se tiñan que cubrir as prazas do persoal". Nesta orientación, advertiu de que "aínda non se coñecen nin as vacantes que están por cubrir".

O responsábel de Bombeiros Forestais da UXT, Marcos Rodríguez, denunciou, en conversa con Nós Diario, "un número importante de baixas no servizo" e reclamou "un sistema máis áxil de cobertura dos postos". Nesta dirección, criticou que "as baixas non se cobren rápido, polo que é necesario axilizar os procesos de contratación para cubrir os ocos que se xeran por distintos motivos, e máis nun momento como este en que aumentan os accidentes laborais". De feito, tres bombeiros resultaron feridos durante os labores de extinción do lume en Oímbra (comarca de Verín) e onte continuaban hospitalizados en estado grave.

"Os medios nunca son suficientes nestas condicións, cuns lumes moi semellantes aos sufridos en 2006", reflexionou Marcos Rodríguez, "polo que é necesario facer un maior traballo de prevención fóra das tempadas de verán, limpando as pistas forestais e, tamén, as zonas de monte". Neste sentido, alertou de que "as faixas de seguridade ao redor das casas non se cumpren", en referencia á distancia de 50 metros entre as vivendas e as árbores.

Tamén o delegado de CCOO e presidente do comité de empresa da Consellaría do Medio Rural en Ourense, Óscar Rodríguez, afirmou a Nós Diario que xa viñan denunciando "desde marzo que había máis de 200 prazas sen cubrir, 90 delas en Ourense, no servizo de extinción de incendios, polo que a convocatoria da Xunta do pasado 15 de agosto veu confirmar isto".

"As vacantes afectan brigadas, motobombas, puntos de vixilancia e centros de coordinación", asegurou Rodríguez, quen indicou que "é inaceptábel e inxustificábel que, en plena vaga de lumes e a mediados de agosto, Medio Rural non teña cubertas todas as prazas do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais". Nesta dirección, destacou que "hai motobombas ou pas paradas en determinadas quendas porque non hai persoal para manexalas".

O secretario de acción sindical de CSIF na Galiza, Juan Carlos Rivas, explicou a Nós Diario que a existencia de prazas vacantes no servizo de extinción de incendios "é un problema endémico e, ademais, as baixas non se cobren coa axilidade necesaria". Na mesma liña, lembrou que o seu sindicato "reclamou en múltiples ocasións" á Consellaría que cubrise as vacantes, "a última delas o 7 de agosto".

"É dramático", dixo, "que mentres estamos pedindo medios a outras administracións nós teñamos 200 ou máis prazas sen cubrir", afirmou. E, en relación coa convocatoria formalizada pola Xunta o pasado día 15, sinalou que "as prazas de funcionarios cóbrense rápido, pero as de persoal laboral tardan máis polo procedemento seguido, polo que as contratacións poden demorarse unha semana".

A existencia de vacantes nos servizos de prevención preocupa o persoal do servizo de extinción de incendios. A este respecto, diversos bombeiros forestais que traballaron estes días –e seguen traballando– nos lumes de Cualedro (comarca Verín), Monterrei (ídem), Oimbra (Verín) e Verín (ídem) confirmaron a Nós Diario que "hai moitas brigadas que non están completas". "Agora comezan a sacar prazas ao tolo, pero isto debíase facer antes", afeou un profesional que prefire continuar no anonimato.

BNG e PSdeG exixen á Xunta máis medios contra os fogos

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou na xornada de onte o concello da Mezquita (comarca de Viana), onde denunciou "unha falta de medios e unha grave descoordinación, cando o fundamental sería ter todos os recursos dispoñíbeis e unha organización eficaz para evitar que o lume siga avanzando". Nesta dirección, denunciou que a Xunta da Galiza está "desbordada e sen capacidade de anticipación" e apostou "nun monte multifuncional, con outra ordenación e con políticas que poñan en valor o rural".

Pontón advertiu de que esta traxedia “non pode quedar en nada unha vez chegue o inverno”. Pola contra, debe marcar “un punto de inflexión” que implique máis investimento en prevención, mellor ordenación do territorio, plans específicos para zonas recorrentes en incendios e medidas urxentes de recuperación para as áreas arrasadas.

Tamén a deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta urxiu Alfonso Rueda a sumarse ao pacto pola emerxencia climática proposto polo presidente español, Pedro Sánchez, o domingo en Ourense. Ao tempo, denunciou que "as prazas sen cubrir, as brigadas incompletas, os atrasos no Pladiga... todo isto, que parecía só burocracia, agora tradúcese en menos mans cando máis se precisan".

Críticas á TVG

Pola súa parte, o comité intercentros da Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza (CSAG) reclamou onte o cesamento de Alejandro López Carballeira e Marta Darriba, director e subdirectora dos servizos informativos dos medios públicos, polo tratamento dos lumes na TVG estes días.