O PSdeG critica a Xunta por manter 200 prazas vacantes nos servizos antiincendios
Carmen Rodríguez Dacosta fala de “total falta de previsión”.
A deputada do PSdeG Carmen Dacosta manifestou esta sábado a súa preocupación pola denuncia dos sindicatos en relación coa existencia de perto de 200 prazas vacantes no servizo galego de prevención de lumes “en plena catástrofe incendiaria”.
A portavoz socialista de política forestal no Parlamento Galego lamentou que esa información “confirma o que vimos dicindo ano tras ano, que hai unha falta de previsión na cobertura de prazas”, ante a que a Consellaría de Medio Rural se viu “obrigada” a facer “un chamamento urxente” para contratar persoal.
Dacosta sinalou que, precisamente, “cando esta sexta feira reclamábamos absoluta transparencia, tamén nos referíamos a isto, a que se informe e se asuman responsabilidades en lugar de desviar a atención”.
Nese sentido, cualificou de “incongruencia” que Rueda e Núñez Feixoo “reclamen máis medios ao Estado mentres a Xunta mantén sen cubrir na súa totalidade as prazas do servizo galego de prevención e extinción”.
Para a parlamentaria socialista, “non se pode seguir traballando con improvisación cando está en xogo a seguridade do persoal, a eficacia do dispositivo e a integridade das persoas e os seus bens”. Por iso, reclamou “planificación e estabilidade” para un servizo que debe ser “profesional” e estar “ben equipado para enfrontar o reto que presentan os incendios forestais”.
