Case unha trintena de cidades e vilas acollerán o 21 mobilizacións contra a política forestal do PP

A veciñanza loitando contra as chamas en Vilar de Condes. (Foto: @ro_meiry)

As concnetracións, convocadas pola plataforma Por un monte galego con futuro, decorrerán a partir das 20 horas e baixo o lema ““A política forestal do PP queima os nosos montes, queima as nosas casas”.

A plataforma Por un monte galego con futuro, integrada por ducias organizacións, colectivos e asociacións, convoca concentracións nas cidades e comarcas galegas para a vindeira quinta feira, 21 de agosto.

“A política forestal do PP queima os nosos montes, queima as nosas casas” é o lema desta convocatoria, que decorrerá a partir das 20 horas e que até o momento, día 19, hai case unha trintena de localidades onde se vai realizar.

A plataforma naceu para defender outro modelo de monte para a Galiza que non pase pola simple forestación e apostando por un monte diverso e multinacional, mostrándose moi crítica coa política forestal da Xunta da Galiza. 

O incendio que permanece activo no concello de Larouco (comarca de Valdeorras), que cruzou o Sil por varios puntos até pasar á provincia de Lugo, bateu esta segunda feira un tráxico récord, superando a superficie queimada en Chandrexa de Queixa e converténdose, con 20.000 hectáreas arrasadas polo momento, no maior incendio forestal da historia da Galiza.

A CIG, que fai parte da plataforma e que tomou a iniciativa de impulsar a convocatoria, fai un chamamento a participar nas concentracións. Con estas protestas en resposta á “traxedia ambiental, social, cultural e económica” que provocan os lumes preténdese evidenciar que entre as múltiples causas que están na súa orixe, como a mudanza climática, o abandono do rural e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido son as que máis inflúen nas vagas incendiarias. Neste sentido, e perante o inmediato fin da moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta para o 31 de decembro, consideran necesario reclamar unha moratoria indefinida, tal e como sinala o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Lugares das concentracións (en ampliación):

-A Coruña, 20h, Obelisco

-Allariz, 20h, Campo da Barreira

-Betanzos, 20h Praza da Constitución

-Cangas, 20.30h diante do Concello

-Carballo, 20h Praza do Concello

-Celanova, 20h Praza Maior

-Compostela, 20h Praza Roxa

-Ferrol, 20h Edificio da Xunta

-Lalín, 20.30h Praza da Igrexa

-Lugo, 20h Edificio da Xunta

-Melide, 20h Praza do Convento

-Monforte, 20.30h Praza de España

-Monterroso, 20h diante do Concello

-Noia, 20h diante do Concello

-O Porriño, 20h, distrito forestal (Multiusos de Torneiros)

-Ourense, 20h Praza Maior

-Padrón, 20h diante do Concello

-Ponte Caldelas, 20h Alameda

-Pontevedra, 20h Praza da Peregrina

-Ribadeo, 20h diante do Concello

-Ribeira, 20h Praza do Concello

-Verín, 20h Praza do Concello

-Vigo, 20h Farol de Urzaiz

-Vilagarcía, 20h diante do Concello

-Vilalba, 20.30h Praza da Constitución

-Viveiro, 20h diante do Concello