Rueda asume que vén un verán "complicado" na sanidade

Alfonso Rueda, presidente da Xunta, no seu despacho. (Foto: David Cabezón)
O presidente galego asume que o verán vai ser "complicado" para a sanidade galega, algo do que levan tempo alertando profesionais e sindicatos. Alfonso Rueda recoñece que as medidas propostas esta semana pola Xunta, como o complemento salarial, non son a "solución definitiva" para os problemas que acumula o sistema sanitario galego. 

O verán non colle o sistema sanitario público galego nos seus mellores momentos. O que os sindicatos, profesionais sanitarias ou asociacións de usuarios advertían desde hai tempo recoñéceo agora o propio presidente da Xunta. O verán vai ser "complicado", apunta.

Citou Alfonso Rueda que son meses nos que o persoal goza das vacacións e que hai unha grande afluencia de poboación en determinadas zonas da Galiza. E iso pode facer renxer un sistema que nestes meses —sen ser verán— xa deu mostras de estar "colapsado" e "esgotado", segundo os profesionais.

A preguntas dos xornalistas, o mandatario recoñeceu que as propostas que esta mesma semana o Sergas puxo sobre a mesa para intentar reverter esa situación na sanidade —complementos salariais— non son a "solución definitiva".

Esta solución viría, e aí volveu Alfonso Rueda ao discurso que a Xunta promove nestas semanas, non de inxectar máis cartos senón de que o Goberno español facilite que poida haber máis persoal. Rueda realizou estas declaracións na súa comparecencia semanal após o Consello da Xunta, na que tamén informou de que se amplía a 1.300 as prazas da convocatoria do proceso selectivo para o acceso á categoría de enfermaría.

Residencias e financiamento

Preguntado por este xornal sobre os 100 millóns anuais que a Xunta destina a residencias privadas, cando nestas faleceron durante a pandemia da Covid 90% das usuarias de residencias; o presidente incidiu en que a Administración "exixe" as mesmas "garantías e condicións" nas privadas e nas públicas, ao tempo que sinalaba que "non coñezo o dato" da cifra que o Goberno galego destina ás residencias privadas.

Medidas económicas

O Consello da Xunta declarou onte como Iniciativa Empresarial Prioritaria (IEP) o proxecto de Valogreene Recinor para impulsar no polígono das Somozas, comarca de Ferrol, unha planta de reutilización de residuos.

Neste sentido, o proxecto, que conta cun investimento de máis de 22 millóns de euros, prevé o tratamento de 40.000 toneladas anuais de residuos do proceso, que serán convertidos nunha serie de subprodutos, como aceites pirolíticos e 'biochar', similar ao carbón vexetal. Xa son 15 as IEP aprobadas pola Xunta.

Na reunión do Goberno de onte tamén se aprobou a Axenda Financeira 2022 —135 millóns de euros para axudas a empresas— e a autorización da sinatura do convenio co Executivo estatal que permitirá empezar a executar o Plan para o acceso á vivenda 2022-2025, dotado cun orzamento plurianual de 106 millóns de euros.

Non a unha policía propia

Durante a súa comparecencia, Rueda tamén desbotou que a Galiza conte cunha policía propia como en Catalunya e Euskadi, e apostou por mellorara a unidade da policía nacional española adscrita á Xunta, a 'Policía autonómica'. Unha policía integral, dixo, supón "moito investimento" e non está "acreditado" que sexa "máis eficaz".