Pontón e Formoso lamentan a falta de compromiso de Rueda para chegar a acordos

Reunións cordais mais que non deron ningún resultado produtivo. Tanto a portavoz do BNG, Ana Pontón, como o secretario xeral do PSdeG, González Formoso, coincidiron onte en lamentar que as respectivas reunións oficiais co presidente galego non se traducisen en acordos. Unha "decepción"
que non partilla Alfonso Rueda.
O presidente da Xunta da Galiza reuniuse onte coa líder do BNG e co do PSdeG no seu despacho en San Caetano, na capital galega. (Fotos: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza reuniuse onte coa líder do BNG e co do PSdeG no seu despacho en San Caetano, na capital galega. (Fotos: Arxina)

"Decepción" pode ser a palabra que mellor defina para a líder da oposición e portavoz do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, as respectivas xuntanzas que ambos os dous mantiveron —por separado— co presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. "Para que se nos convoca se non quere chegar a acordos", preguntouse Pontón após a xuntanza, salientandoque Rueda "non quere chegar a acordos naquelas materias que son da súa competencia" e non ofrece "alternativas aos problemas no país".

González Formoso, pola súa parte, lamentou que este primeiro encontro co presidente da Xunta non resultase todo o “produtivo” que lle gustaría xa que non se puxeron sobre a mesa “cifras concretas”, aspecto que o “decepciona excesivamente", dixo. Ambos os dous portavoces coincidiron, porén, na "cordialidade" das reunións, o que non evita a crítica á ausencia de compromisos e concrecións.

Desde o BNG levaron á reunión, "e con vontade de acordo", propostas para "mellorar a vida dos galegos e galegas". Cuestións que se centraban, como a propia Pontón avanzou na mañá de onte, en accións para combater os efectos da crise de prezos,  reforzar a Atención Primaria —con investimento de 200 millóns de euros incluídos—, outro modelo de residencias e benestar e compromisos para reconducir o actual boom eólico "especulativo e depredador". 

"Sen alternativas para os galegos"

Mais 90 minuto de xuntanza, porén, non serviron para avanzar nestas cuestións, criticou Ana Pontón, que considera que da actitude do presidente neste encontro despréndese que "os galegos non teñen alternativa" cun Goberno do PP.

Aínda que Pontón sinalou que Rueda puxo riba da mesa "xeneralidades", asegurou que a formación nacionalista "sempre vai estar en defensa dos intereses da Galiza, goberne quen goberne en Madrid". En canto á cuestión concreta das competencias de costas —O Goberno galego quer que se traspase a Galiza a competencia marítimo terrestre— Pontón expuxo que está de acordo mais tamén "dunha axenda máis ambiciosa", xa que detectou que co actual Estatuto hai polo menos "71 ámbitos" para reclamar materias.

Pola súa parte, Formoso considerou que a reunión demostrou a existencia “desacordos importantes” en cuestións fundamentais para a sociedade galega. "Constatamos que hai visións distintas do país, o PP ten unha de resignación, de inmobilismo; fronte á de esperanza do PSdeG". Formoso reprochou a falta de entendemento no ámbito sanitario xa que considera que a súa formación acudiu á reunión con peticións razoábeis ante o “colapso” que, "atravesa" a sanidade galega e, especialmente, a Atención Primaria. 

"Baño de realidade"

Alfonso Rueda, pola súa parte, lamentou as conclusións da oposición sobre as reunións e dixo que fronte ás "propostas" sen máis do BNG e PSdeG el tiña que ter en conta "a realidade".

Quince meses desde a anterior xuntanza, con Núñez Feixoo na Presidencia

Quince meses pasaron desde a última reunión oficial do presidente da Xunta cos portavoces da oposición até a xuntanza de onte. Fora en marzo de 2021, o día 26, e dos tres protagonistas da xuntanza só segue unha, Ana Pontón. Nin o presidente daquela, Alberto Núñez Feixoo, nin o líder da formación socialista, Gonzalo Caballero, continúan neses postos.

"Feixoo e a oposición rematan sen acordos", titulaba Nós Diario a nova daquela xuntanza. Unha reunión na que Feixoo mostrara receptividade a avanzar en certos temas que lle trasladara a oposición, como a ampliación a necesidade de dar solucións á crise industrial e o aumento das competencias do autogoberno galego. Quince meses despois, estas mesmas cuestións continúan sen se cumprir e centran parte da axenda política galega.

Comentarios