"Stop Xenocidio, Palestina vencerá!": As rúas galegas volven exixir apoio para o pobo palestino

Concentración esta segunda feira, 5 de febreiro, en Vigo. (Foto: Nós Diario)
30 protestas clamaron contra o Estado israelí

Unha semana máis, centos de persoas saíron ás rúas de 30 cidades e vilas da Galiza para mostrar a súa solidariedade para co pobo palestino e denunciar “o xenocidio” de Israel sobre Gaza, onde mataron máis de 27.000 persoas.

‘Stop Xenocidio, Palestina vencerá!’ foi a palabra de orde das mobilizacións convocadas esta segunda feira por Mar de Lumes, BDS-Galiza, Galiza por Palestina e a Asociación Jenin. Estes catro colectivos levan desde o inicio da actual agresión israelí a Gaza mobilizando a sociedade galega a través de manifestacións nacionais, mobilizacións comarcais, palestras, etc... sumando xa 250 convocatorias desde que o 7 de outubro de 2023 Israel intensificou a agresión sobre o pobo palestino. 

 

Milleiros de persoas clamaron contra o "vergoñento apoio" ao terror que se vive en Gaza "por parte de quen nos goberna". "Non é admisíbel continuarmos as relacións co Estado racista e neocolonial de Israel. Non é admisíbel que quen nos goberna continúe a asumir ou a desculpar a súa política xenocida", manifestaron.

"O noso papel é denunciar a inacción e premer para que o Estado español e a Unión Europea se unan ao repudio crecente no mundo contra o Estado xenocida de Israel", engade o manifesto lido esta segunda feira, chamando a comunidade internacional a aplicar desinvestimentos masivos e sancións, así como a perseguir "os líderes xenocidas de Israel". "Só así será posíbel deter o xenocidio do pobo palestino, a ocupación das súas terras e a limpeza étnica que persegue Israel", conclúe.

35.000 asasinatos

Desde o pasado 7 de outubro, hai xa 122 días, as forzas de ocupación sionistas deixaron máis de 35.000 persoas mortas, incluídas 13.600 crianzas. Segundo datos a Organización Mundial da Saúde (OMS), nestes catro meses de xenocidio, máis de 100.000 persoas en Gaza foron asasinadas, feridas ou desaparecidas.

Mais, segundo se fixo saber nas rúas da Galiza, a "máquina asasina de Israel" tamén está forzar o deslocamento de 2 millóns de persoas, xunto á destrución de todo tipo dde predios e infraestrutura básica. Co obxectivo, rezaba o manifesto da convocatoria, de impedir que a poboación que sobreviva ao asedio poida regresar ás súas casas cun eventual cesar o fogo.