Román Rodríguez sobre a universidade de Abanca: "Aportará liberdade de elección"

O Conselleiro de Educación, Cultura e Universidade, Román Rodríguez, no Parlamento (Foto: Xoán Crespo).
Nunha entrevista no diario ABC, o titular da Consellaría de Cultura, Educación e Univesidade, Román Rodríguez, avanza un curso escolar 2021-2022 "máis parecido á situación pre-pandemia". Ademias carga contra a Lomloe, defende o ensino concertado, o proxecto de universidade privada de Abanca e o decreto do plurilingüismo.

O conselleiro Román Rodríguez repasa nunha entrevista concedida a ABC os principais asuntos de actualidade que afectan ás súas grandes áreas de xestión: Cultura, Educación e Universidade.

A piques de finalizar o actual curso escolar, marcado polas restricións derivadas da pandemia, o titular de Educación amósase "satisfeito" cos resultados acadados "cun 100% de presencialidade e unha porcentaxes de afectación acotadas".

Curso escolar

Así, ademais de facer un "balance positivo" recalca o desenvolvemento “normal” das aulas nun contento excepcional que a partir de setembro obrigará a manter algunhas restricións. Sen chegar a concretar como se vai desenvolver o vindeiro curso, Rodríguez avanza un período de "transición que nos oriente á normalidade".

O protocolo está por concretar, e asegura que vai atender as recomendacións do comité clínico, mais anuncia un recorte das restricións que podería coincidir coa vacinación da poboación menor de 16 anos.

"Oxalá, gustaríanos, daría moita máis seguridade", afirma o conselleiro, quen aventura "unha normalidade máis parecida á situación pre-pandémica" grazas á vacinación masiva da poboación adulta.

Lomloe

Preguntado pola diferenza de criterios entre territorios á hora de titular o alumnado con materias suspensa, Román Rodríguez carga contra a Lomloe. "É unha desigualdade que deriva dunha mala lei", que favorece "sistemas de avaliación que van contra a motivación do alumnado e a cultura do esforzo", base do modelo galego, di.

O conselleiro de Educación avoga por reducir ao mínimo o impacto da lei Celáa na Galiza á que acusa de pór en perigo a educación especial. "Faremos o que teñamos que facer para defender o modelo educativo galego", asevera.

Ensino concertado

Sobre a continuidade e a "protección" do ensino concertado, Rodríguez defende a "liberdade educativa", os concertos e "decisión libre das familias" e neste sentido, a compatibilidade da ensinanza pública e concertada. "Temos concertos blindados até 2023", afirma, para recalcar que a aposta pola educación pública do seu Goberno "non implica renunciar á concertada". "Queremos o alumnado teña as mesmas oportunidades nun sistema e noutro".  

Universidade privada de Abanca

O titular de Educación defende a "legalidade" do proxecto de universidade privada de Abanca, cuxa tramitación se aprobou no Parlamento cos únicos votos a favor do PP.

Baixo o seu punto de vista "aporta liberdade de elección" e ofrece novas "oportunidades" ao alumnado sen chegar a representar unha ameaza para as universidades públicas. "Non teñen motivos para albergar medo", conclúe.

Ribeira Sacra

Tras o ‘non da Unesco á Ribeira Sacra, o conselleiro de Cultura non esconde que a "dureza" dun informe que os "sorprendeu". Mais entende que este paso atrás "daranos a oportunidade de demostrar a Ribeira Sacra ten uns valores excepcionais e universais que a fan merecedera de ser Patrimonio da Humanidade".

Neste sentido asegura que "non está nada perdido" malia a "complexidade" que supón, agora, "demostrar que as presas modificaron a paisaxe e que conforman parte da Ribeira Sacra".

Lingua

Sobre o decreto do plurilingüismo, Rodríguez asegura que está "demostrado que funciona" e que facilita a competencia oral, escrita e lectora do alumnado nas linguas cooficiais. Despreza as chamadas de atención do Consello de Europa e nega calquera problema arredor da lingua baixo o argumento de que Galiza é "o territorio con linguas cooficiais con maior porcentaxe de uso entre a xente moza".

"As persoas falamos as linguas que queremos e usámolas nos momentos que eliximos", afirma para desacreditar a inmersión lingüística e reafirmar o modelo galego.

Meirás

"Non ten xustificación que despois de seis meses aínda teñamos isto sen resolver". Rodríguez tamén repasou a actualidade sobre o Pazo de Meirás e a próxima apertura dos xardíns mais non do interior das Torres.

O titular de Cultura deposita a responsabilidade no Goberno do Estado a quen acusa de xerar "frustración" no público.

Sobre a ampliación da declaración BIC para dar cobertura aos ben do inmóbel, asegura que "a Xunta non ten problema en facelo" mais terá ques e o Estado quen reclame a propiedade dos bens pola vía civil.