Crise dos pellets | Entrevista

Rogelio Santos, mariñeiro e divulgador: "O Goberno galego deixa tirada a xente do mar"

Rogelio Santos alerta da caída da actividade na ría de Muros e Noia. (Foto: Nós Diario).
Rogelio Santos Queiruga (Porto do Son, 1978) é o presidente da Plataforma en Defensa da ría de Muros e Noia, mariñeiro e divulgador de temas pesqueiros en redes sociais e medios de comunicación. Hoxe analiza para 'Nós Diario' a situación creada coa chegada dos pellets ao litoral galego, no marco dunha crise de fondo da actividade pesqueira.

—Cal é a incidencia dos pellets na ría de Muros e Noia e cales son as perspectivas para os vindeiros días diante do anuncio da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, dunha chegada masiva de microplásticos ao litoral galego?
Estamos moi preocupados polas declaracións da conselleira de Medio Ambiente nas que anuncia unha nova avalancha de pellets a partir desta fin de semana e temos un sentimento de tristura, pois tras todo o traballo realizado polos voluntarios, que coas súas mans limparon as nosas praias, as praias van volverse a encher de pellets. Na nosa zona, os municipios máis afectados foron Muros, Ribeira e Porto do Son, pero, tamén, é certo que os Gobernos locais dos dous primeiros concellos foron os que máis rapidamente e con máis eficacia actuaron.

—Con que medios se contan nos concellos da ría de Muros e Noia para levar adiante os traballos de limpeza das praias e quen os está efectuando?
Os voluntarios fixeron o traballo que tiña que facer a Xunta da Galiza e o Estado, encargándose da limpeza e da protección das nosas costas. Isto explica que nestes últimos días, cando comezaron a chegar os responsábeis das empresas contratadas para realizar traballos de limpeza, sinalaran que quedaban poucos pellets nalgunhas praias. O que estou vendo, tamén, é que nalgunhas zonas parece que contratan empresas coa intención de facer o 'paripé' e dar a entender que a Xunta está facendo algo.

—Cinguíndose á crise provocada polos pellets, cales son as cuestións que máis lle preocupan neste momento?
O que máis me preocupa é que diante da avalancha de pellets que se anuncia, a Xunta da Galiza e o Goberno do Estado poñan os medios para limpar as praias e posibilitar que os voluntarios poidan desenvolver o seu traballo. Non se lle poden dar as costas neste momento aos mariñeiros, que enfrontamos unha situación moi complicada.

—A actividade pesqueira, sobre todo o marisqueo, enfronta unha crise moi dura na ría de Muros e Noia e noutras áreas. Que medidas son urxentes para facer fronte a esta situación?
O sector pesqueiro padece na ría de Muros e Noia a crise máis grave da súa historia. A Xunta da Galiza está deixando tirada a xente do mar neste momento tan complicado e a nosa zona vense abaixo se falla a actividade pesqueira.

Toda a xente da comarca dun xeito ou doutro vive do mar. É necesario un plan de rexeneración integral ría, un plan de actuación contra as verteduras dos encoros e un Goberno galego que mire ao mar e polas xentes do mar.