Entrevista

Rita Míguez, presidenta das mariscadoras de Arcade: "Non podemos esperar máis pola rexeneración das rías"

Rita Míguez durante unha xornada de traballo. (Foto: Nós Diario).
A mortaldade do marisco mantivo as mariscadoras de Arcade, en Soutomaior (comarca de Vigo) nunha parada forzada desde novembro. Após meses de espera para regresar aos bancos, atópanse cos atrancos da confraría para volver traballar: négalles a embarcación para supervisar e comezar a rexenerar os fondos.

—Por que está  a morrer o marisco nas rías galegas?
O produto morre fundamentalmente pola auga doce. No mes de outubro os temporais de chuvia ocasionaron unha mortaldade de case 100% da nosa ameixa. Pero levamos varios anos detectando que as femias non van arriba. O cambio climático e o quecemento das augas, a contaminación e a alteración do substrato tampouco axudan. Nós estamos na desembocadura do río Verdugo e vemos como arrastra moitos sedimentos que fan como unha masa sobre os bancos marisqueiros. Non os deixa respirar nin permite que cando hai un bo desove a ameixa prenda. É un cúmulo de circunstancias ás que se suman tamén  os depredadores, como as sousas –raias salvaxes–, que se moven en grandes bancos e acaban coa ameixa pequena.

—Cal é a situación actual dos bancos marisqueiros?
Non o sabemos. Estamos en cese de forza maior desde o mes de novembro e incorporámonos agora a mediados do mes de abril, a maioría, e algunhas en xuño. Ante esta previsión solicitamos á confraría o barco que nos traslada habitualmente á zona de traballo, para inspeccionar os fondos, e a nosa sorpresa foi que a embarcación está sen despachar e sen arranxar, o que significa que non podemos utilizala mentres a confraría non dea a orde. Por riba da baixada de produción, atopámonos coas trabas do pósito.

—Por que é importante acceder aos bancos para ver como están?
Nesta época do ano, cando comeza a calor, hai unha invasión de algas. Ese manto de algas asfixia o marisco, o pouco que hai. Urxe retirar a cría e mover o terreo, porque así fica brando e se hai un desove a ameixa pode pegar. Contra as chuvias e o cambio climático non podemos loitar, mais que teñamos que aturar os atrancos da nosa propia entidade é insólito e absurdo.

—A confraría négalles o barco ao tempo que impón un incremento das cotas anuais. 
O ano pasado pagabamos unha cota de 50 euros todos os socios e este ano, de 650; nun momento no que non estamos ben. Moitas de nós non imos ser capaces de pagar, porque non gañaremos nin para o seguro, que é o que nos dá a vida. Non lle atopamos sentido ningún a esta decisión e menos aínda ás coaccións: "Se non pagas non usas o barco, se non pagas vas perder o permex [permiso de explotación para o marisqueo a pé]". A confraría está facendo unha mala xestión, está provocando que moitos socios queiran marchar e nós estamos nunha situación límite. A única solución que vemos é que entren en razón e, mentres, alzar a voz. Esta terza feira volveremos concentrarnos no peirao e a sexta feira, coincidindo coa festa da ostra de Arcade, manifestarémonos desde o centro até o porto. Queremos traballar e que nos deixen. 

—No inmediato, úrxelles acceder aos bancos para favorecer as condicións do terreo e que sexa produtivo. A Xunta da Galiza está a achegar algunha solución a máis longo prazo para o conxunto das rías?
A Xunta é coñecedora. Está facendo estudos do cambio climático, do substrato, pero son longos e levan tempo, e nós non podemos esperar. Precisamos alternativas que de momento non chegan. Co cambio climático as chuvias torrenciais causan un dano tremendo nos bancos. Antes, cos temporais, o mar revolvía os fondos e iso axudaba a recuperalos, pero agora non. Algo está pasando nas rías, o que até agora servía para rexeneralas xa non funciona. Sempre pedimos ao persoal científico que se achegue, que nos diga que e como temos que facer. Estamos expectantes, tocando fondo, e necesitamos que a Administración nos axude, canto máis mellor.

Beneficiarias dos fondos Fempa

No mes de novembro, as mariscadoras de Arcade observaron unha mortaldade da ameixa de 95%. "As imaxes eran tremendas, vías as viandas flotando". Persoal técnico confirmou a desfeita e houbo que fechar.

Durante esta parada, como beneficiarias dos novos recursos do Fondo europeo marítimo, de pesca e acuicultura (Fempa), as 70 mariscadoras a pé de Arcade puideron acceder a unha compensación. Pero non todas. "Só se pode beneficiar quen teña 120 días de venda traballados en dous anos. E fanse ben cando os bancos gozan de boas condicións, mais cando atravesan dificultades pérdense moitos días, polo que para moitas de nós xa non é unha solución", asegura Rita Miguez. "Nós facemos moito máis que extraer: limpamos, sementamos, vixiamos", aclara a mariscadora ao tempo que exixe uns criterios máis flexíbeis.