Riscos de incendio pola reforestación masiva

Unha plantación recente de eucalipto. (Foto: Coordinadora Ecoloxista)
Un estudo liderado pola USC advirte dos riscos das reforestacións masivas programadas no Pacto Verde da Unión Europea, sobre todo polas especies que se usan normalmente, de crecemento rápido e con resinas inflamábeis.

A reforestación masiva pode supor unha arma de dobre fío, “xa que o uso das especies que se utilizan a miúdo nas plantacións -de crecemento rápido e con resinas inflamábeis-, pode aumentar o risco de incendio, especialmente se non se acompaña dunha xestión forestal adecuada”, afirma Adrián Regos, un dos científicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que participa nun estudo publicado na revista Global Change Biology.

O estudo foi desenvolto por investigadoras da USC en colaboración co Centre Tecnològic Forestal de Catalunya, o Research Centre in Biodiversity and Genetic Resources (CIBIO) do Centre de Recerca Ecològica i Aplicacions Forestals da Universidade Autónoma de Barcelona, e do Consello Superior de Investigacións Científicas,

No texto do estudo destácase que “é fundamental planificar moi ben como e onde se farán estas plantacións, é dicir, que especies e como se xestionarán, aspectos que son claves se queremos ser efectivos reforestando para evitar riscos asociados a grandes incendios forestais”.

A proposta das e dos autores é incidir máis na “diversificación de hábitats ou na recuperación de zonas húmidas e de pastos”, o que consideran máis eficiente.

Ademais, sinalan o risco de que as reforestacións masivas provoquen a perda doutros hábitats de importancia na conservación ou de actividades agropecuarias.

Ben que o estudo recoñece que a restauración de bosques “plantando árbores ou axudando á súa recuperación natural contribuirá á estratexia global de mitigación dos impactos do cambio climático”, tamén incide en que investir nos hábitats sinalados “sería máis eficiente que plantar árbores nas rexións máis secas e propensas ao lume, como o Mediterráneo, onde a dispoñibilidade de auga é limitada”.

Green Deal

Esta investigación está motivada polo Pacto Verde da Unión Europea (UE), tamén denominado Green Deal, unha plan da institución contra o cambio climático que entre as medidas que contempla atópase a plantación de 3.000 millóns de árbores ata o ano 2030.