martes 11/05/21

Juan Picos: "Enfocar o aproveitamento forestal nunha soa especie é un risco"

O director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, vén de presentar o resultado da segunda enquisa sobre a situación das empresas que traballan na industria forestal. Ao mesmo tempo, traballa nun proxecto dirixido a mellorar a produtividade dos minifundios a través de solucións "innovadoras".
Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo. (Foto: Duvi).
Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo. (Foto: Duvi).

En que situación están as empresas que se dedican á madeira na Galiza?

A situación mellorou polo remate do confinamento, e tamén as expectativas. Aínda así, constátase que hai algunhas empresas que si están afectadas. A maior parte delas son as que se dedicaban á transformación para amoblamento interior hoteleiro, de tendas e de áreas comerciais. Dependían deses sectores que pararon e non recuperaron aínda a súa actividade. Pola contra, xurdiu certa demanda de mobiliario, en parte para adaptarse ao teletraballo. Hai que prestarlles atención posto que terán arrastre sobre a primeira transformación. É unha cadea moi densa de primeiras empresas nas que unhas dependen doutras.

A pandemia mudará a maneira que temos de ver e traballar os espazos forestais?

Ten que cambiar moitas cousas de como vemos o mundo, entre elas o aproveitamento dos recursos naturais. En xeral, é unha cura de humildade respecto ao que víñamos facendo nas últimas décadas. Observamos que hai un certo retorno ao ámbito rural que non está vencellada ás contas de resultados, ten máis que ver coa filosofía. Hai unha maior valoración da compra de produtos de proximidade e de estar perto de espazos naturais nas empresas que viven do monte. Existen oportunidades para a industria da madeira que teñen que ver con este concepto e de como facelo de maneira sostíbel.

Como se pode mellorar o aproveitamento do monte coa presenza do minifundio?

O minifundio, en xeral, sempre se cualifica como un problema e para min é unha circunstancia. É unha característica da nosa terra xunto coa veciñal. Vén dunha historia de acceso á terra que non ten sentido que esquezamos, foi a única maneira de acceder á propiedade que tiveron os nosos devanceiros após moitas xeracións cultivar as terras doutros. Que as terras estean en mans da xente non é un problema, peor sería que estivesen en mans dun único propietario. Agora ben, obríganos a resolver algunhas dificultades, pensando nunha certa economía que teña entrada no mercado e non sexa unha carga para os propietarios que opten pola solución fácil, que sería o abandono, algo que non nos podemos permitir.

Hai que tentar estabelecer modelos de xestión cooperativa, agrupada e de coordinación para que a xente se poña de acordo para vender a madeira ou outros produtos. Traballar máis conxuntamente. A vantaxe é que case todos temos terras, a dificultade é que temos que nos pór de acordo para organizar unha xestión o máis sostíbel posíbel, onde teña lugar a diversidade de produción e a conservación da natureza. Na prevención dos incendios non significa nada se un pequeno propietario traballa a súa parcela, hai que facer prevención agrupada. Temos que contar con distintas ferramentas e aplicalas segundo cada caso. Hai que fuxir da solución única.

Concentrar o aproveitamento nunha soa especie, como é o piñeiro ou o eucalipto, é bo?

Enfocar o aproveitamento forestal nunha especie é un risco. Temos que ser quen de desenvolver alternativas atraentes que cumpran as alternativas que teñen os propietarios. Mesmo para aquelas que non son rendíbeis, mais son óptimas desde o punto de visto social, deberían atopar mecanismos de compensación. Tería que haber unha discriminación positiva daquelas alternativas que, aínda sen ser as preferidas polo propietario, si o son pola sociedade.

Redución de 17% na facturación industrial

A crise da Covid-19 reduciu nun 17% a facturación da industria forestal galega. É unha das conclusións extraídas da segunda enquisa realizada ás empresas do sector pola Escola de Enxeñaría Forestal e a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) co obxectivo de coñecer en profundidade os efectos da pandemia na súa actividade. De feito, 24 das 127 empresas que participaron rexistraron un descenso na súa facturación superior a un 40%.

comentarios