En risco de suplir con aulas a falta de mecanismos de conciliación

A volta ás aulas en lugares como Francia faise en grupos reducidos. (Europa Press)
As progresivas medidas para a recuperación da actividade social e económica após dous meses de confinamento deixan no fío a capacidade das familias de combinar a volta ao traballo presencial e as necesidades de coidados. Ante a posibilidade dunha reapertura dos centros de ensino neste curso, que hoxe estudan as Administracións nunha xuntanza interterritorial, a comunidade escolar galega censura o uso das aulas como único mecanismo para favorecer esa conciliación.

Aos centos de vidas que deixa no camiño e aos centos de miles ás que empurra a unhas condicións de vida incertas, pero de seguro máis precarias, o brote epidémico que obrigou a confinar medio mundo suma entre as súas vítimas a fráxil conciliación, dentro dos fogares, da vida laboral coa vida, a secas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nunha comparecencia pública no día de onte, advertía das "enormes dificultades" das familias galegas para poder reincorporarse aos seus postos de traballo após o confinamento, nunha chamada ao Goberno estatal á planificación, "evitando a improvisación", do ámbito educativo, lanzada en vésperas da conferencia interterritorial na que se analizará, hoxe, unha eventual volta ás aulas antes de setembro. Mais son os centros de ensino, como suxire Feixoo, unha ferramenta para a conciliación do traballo e das cargas familiares?

"Os colexios non son gardarías. Se non hai ningunha motivación pedagóxica para a volta ás aulas, non se debe volver, e menos por unha cuestión económica", sentencia desde a federación de Anpas Galegas o seu presidente, Fernando Lacaci, unha visión que, en liñas xerais, comparten os principais sindicatos docentes, que onte mantiveron coa conselleira de Educación, Carmen Pomar, un encontro informativo para avaliar este e outros aspectos do curso escolar. 

Segundo alerta o representante das ANPA, a situación derivada da pandemia "está traendo retrocesos a pasos axigantados". "Acabamos de implantar o permiso de paternidade, un avance importante na liña da conciliación real, e agora damos por feito que porque temos que ir traballar hai que deixar os nenos onde sexa?", pregúntase.

Para Lacaci, á desviación que supón "usar os centros para o que non están concibidos" súmase o perigo sanitario "grandísimo" de xuntar neles crianzas menores de 12 anos, "cando non hai medios materiais para manter as distancias e asegurar o uso de máscaras. "Quen temos que conciliar somos os pais e as nais. O que non se pode é confinar os nenos en contedores públicos porque as familias teñan que producir", estima, e avoga por buscar fórmulas para flexibilizar os tempos de traballo.

Nos ombreiros das mulleres

Os datos do informe sobre a situación sociolaboral das mulleres galegas da CIG de 2019 dá algunha chave sobre onde recae o peso das tarefas que non son laborais: elas representan 87% das persoas inactivas por coidado de menores ou dependentes e 77% das persoas traballadoras con redución de xornada por coidado de menores de 12 anos.

 A ollos da asociación Materfem, Maternidades Feministas, con base en Compostela, a volta ás aulas das crianzas ten que vir precedida dunha revisión das políticas de conciliación. "Antes de decidir se abren ou fechan os centros terá que verse con quen van quedar as crianzas e en que situación", apunta Vanesa Sánchez, para quen "deixar un fillo ou unha filla, mesmo bebé, abandonado nun centro 8 horas e relegando os coidados non é conciliar". 

Na entidade dan conta da carga de traballo "invisíbel e brutal" que o confinamento supuxo para as familias, e moi especialmente para as mulleres, que engaden en moitos casos o teletraballo ás tarefas non remuneradas do fogar e dos coidados sen o soporte que daban os centros de ensino e as avoas, recursos "que non eran os axeitados, pero que axudaban". "As nais tivémonos que converter en profesoras, animadoras de tempo libre, psicólogas e enfermeiras", sinala, con mención a modelos de familias aínda máis afectados, como as monomarentais. 

"Precisamos permisos e recursos máis humanizados, ratios máis pequenas nas escolas e modelos de organización de recursos moito máis flexíbeis", reclama. Cita, entre as necesidades, permisos para nais e pais "que deixen de pór o Estado español á cola en conciliación" e extensíbeis a outras coidadoras, independentes do posto de traballo. Tamén, políticas de corresponsabilidade "para que non todo recaia na muller" e medidas laborais. 

"Esta situación que vivimos pode traer un cambio positivo ou, como está pasando, un retroceso. O avance só vai vir cunha mudanza de paradigma que sitúe os coidados no centro e que teña en conta a perspectiva de xénero: unha transformación total do sistema para que poidamos xestionar os tempos dunha maneira máis humanizada", conclúe.

Riscos sanitarios

"O que non pode ningún Goberno é trasladar a idea de que o sistema educativo está para suplir as enormes carencias do sistema laboral", sinala desde a CIG-Ensino o seu secretario nacional, Suso Bermello, que alerta dun sistema de traballo "construído de costas á conciliación".

Para a CIG, que onte participou na reunión coa Consellaría para afrontar a posición que se manterá hoxe na xuntanza coa ministra de Educación e o resto de Administracións territoriais, "non se dan as condicións para unha reincorporación ás aulas neste final de curso", e menos nas etapas que se están a barallar –as máis temperás–, polo "risco gravísimo" que pode supor a nivel sanitario. 

Igualmente, desde UXT, a responsábel de ensino, Paula Carreiro, estima que non é axeitado volver ás aulas antes de setembro "porque non hai garantías sanitarias", coa única posíbel excepción de segundo de bacharelato, tanto por cargas docentes como pola idade do estudantado e a súa capacidade de  manter as medidas sanitarias. 

"Os centros educativos non son gardarías, non son para conciliar, senón para aprender", subliña, malia recoñecer que estes son, de facto, "unha arma conciliadora para todas as familias". Neste sentido, cuestiona unha posíbel volta aos centros "sen que estean preparados", así como os criterios para combinar teleformación e clases presenciais, para manter un número baixo de escolares na clase, sen discriminar unha parte do alumnado, e advirte de que a conciliación "tamén ten que ser para o profesorado".

A secretaria xeral da federación de ensino de CCOO, Luz López,  avoga por que as Administracións involucren o tecido empresarial para favorecer a conciliación, para flexibilizar horarios e xornadas laborais "e que non recaia só nos centros educativos esa función". Tamén neste caso, o sindicato rexeita a volta á actividade docente sen que antes se concreten os protocolos  de prevención, seguridade e saúde  por parte da Xunta.