Contra o risco dunha hospitalización masiva

O sistema sanitario galego prepárase para un aumento dos casos de coronavirus. Faino desde a tranquilidade de ver os seus servizos operativos e con recursos para novos ingresos. Mais a situación pode mudar en poucos días. A comunidade experta sinala un pico de diagnósticos que poden comprometer a estrutura asistencial se a demanda de hospitalización supera a capacidade de resposta do persoal sanitario e da súa dotación.

A capacidade do sistema sanitario é limitada. O risco de colapso existe, de aí a necesidade de frear a expansión do novo coronavirus. A contención do SARS-Cov-2 non só permitirá diminuír o número de contaxios, senón tamén a taxa de hospitalizacións, un dos perigos máis urxentes para o que as autoridades sanitarias non deixan de prepararse.

"O coronavirus ímolo ter que pasar", asegura a Nós Diario o secretario xeral do sindicato médico O’Mega, Manuel Rodríguez. "Pero non é o mesmo que o pasemos todos nunha semana a que o pasemos en tres ou catro meses", explica. Se os contaxios se producen sen control en moi pouco tempo, "non haberá sistema sanitario que soporte a demanda de atención derivada", engade. "Por iso é tan necesaria e atinada a campaña #quedanacasa" que estes días circula polas redes, froito tamén do chamamento público dos dirixentes políticos e sanitarios á responsabilidade social.

"Non é o mesmo que o pasemos todos nunha semana a que o pasemos en tres ou catro meses"

Respectar as normas de hixiene, convivencia e distanciamen-to social decretadas para estes días non só protexe as persoas de forma individual, tamén os colectivos máis vulnerábeis: maiores, persoas con enfer-midades previas ou baixas de defensas. O seu coidado salvagarda, ademais, o sistema sanitario e as súas profesionais, que poden verse desbordadas ante un uso irresponsábel dos servizos sanitarios.

"De momento, observamos un respecto absoluto por parte das usuarias tanto da Atención Primaria como dos servizos hospitalarios, especialmente das Urxencias", sinala Manuel González Moreira, portavoz de CIG-Saúde na área sanitaria de Vigo. "Baixou moito a demanda das consultas comúns e só se manteñen as que non se poden demorar”, o que permite afrontar a reorganización da estrutura asistencial para unha situación que se prevé máis crítica en poucos días.

"Estanse reprogramando as citas presenciais, adiando consultas que malia ás listas de espera existentes agora ten sentido atrasar. As cirurxías menores tamén se están cancelando". Na práctica o que se busca en cada área sanitaria do territorio é dispoñer de espazo e de persoal suficiente para acoller e resistir o pico de COVID-19, que pode chegar nas próximas semanas, cunha "demanda de ingresos hospitalarios alta", apunta González Moreira.

A urxencia pasa por reorganizar os recursos e os espazos, aprovisionar material e promover a formación de persoal

Neste sentido, a urxencia pasa por reorganizar os recursos e os espazos, aprovisionar material e promover a formación de persoal. "Trátase de garantir que os ingresos que o requiran conten co apoio respiratorio necesario e que as profesionais que os vaian atender dispoñan de equipos de protección individual (EPI) suficientes para a realización de todas as técnicas esixidas".

Todas as organizacións sindicais consultadas por este xornal (CIG-Saúde, CCOO Sanidade. UXT Sanidade e O’Mega) coinciden á hora de sinalar a carencia de EPI e a "sobreutilización", en moitos casos. Unha eiva en materia de prevención que implica un risco moi importante para o sistema sanitario. "Se as profesionais enferman", advirte Manuel González Moreira, "quedaremos sen recursos asistenciais". E agora mesmo, engade Lucía Peón, responsábel de CIG-Saúde na área Sanitaria da Coruña, "o persoal non sobra, porque non sobramos nunca, e somos necesarias, máis que nunca".

Malia ser un dos complexos hospitalarios máis afectados até o de agora polo coronavirus, o da Coruña conta neste momento con camas suficientes para atender os ingresos ordinarios e tamén aqueles que necesitan coidados intensivos na unidade especializada. Segundo Lucía Peón, a cancelación das cirurxías menores programadas permite habilitar as plantas desta especialidade para as contaxiadas por SARS-CoV-2 que poidan chegar no futuro. "De momento, as diagnosticadas de COVID-19 que necesitan hospitalización permanecen na Unidade de Infecciosos. Cando sexa preciso ocuparán as unidades de cirurxía. Cada unha que pecha para o seu uso habitual, deixa a disposición 36 camas". 

Camas hospitalarias

A  finais de 2019,  segundo  datos facilitados a este medio por CCOO Sanidade, o Servizo Galego de Saúde contaba con 7.524 camas destinadas á sanidade pública, o que supón, de media, unhas 3,4 por cada mil habitantes. En canto ás camas dispoñíbeis nas Unidades de Coidados Intensivos, sumaban 163, ademais das que funcionan a diario nas Unidades de Reanimación, un recurso que o sistema prevé incorporar como espazos de illamento, dotados de tecnoloxía e con persoal ca-pacitado para manexala a raíz da crise sanitaria desencadeada polo coronavirus.

En cada centro, indican as profesionais sanitarias representantes das traballadoras, hai espazos máis fáciles de transformar e adaptar para dar resposta ás demandas sanitarias da pobo-ación. Esa planificación é a que afrontan estes días en todas áreas do territorio nun ambiente dominado pola tranquilidade, explica Emilia Lamas, voceira de Sanidade de CCOO. "A día de hoxe non hai problemas, todas as unidades están operativas e con capacida-de para asumir novos ingresos, tanto nas zonas de illamento co-mún como na UCI".

A  finais de 2019 o Servizo Galego de Saúde contaba con 7.524 camas destinadas á sanidade pública

É o caso do Complexo Hospitalario Universitario de Compostela. Onte mantiña a mesma dotación de recursos que calquera outro día nas Unidades de Coidados Intensivos de adultos. 25 camas habilitadas, 18 ocupadas -unha con coronavirus-, e sete baleiras.

Con todo, a situación cambia "a cada minuto". Quen o recorda é Javier Martínez, responsábel de Sanidade de UXT. "De momento non hai perigo de quedar sen do-tación de recursos nin na Atención Primaria nin nos hospitais. Ben é certo que existe certo desabastecemento de xeles hidroalcólicos e de máscaras que habería que abordar de forma urxente para protexer as profesionais que coidan da poboación".

A este esforzo súmase agora a sanidade privada, ás ordes da Administración galega após o mandato do Goberno estatal de poñer os seus medios a disposición do sistema público.

Nota: Por un erro na primeira versión desta reportaxe cifrabamos o número de camas da sanidade pública en 4.524 cando é 7.524