Cal son as preguntas máis frecuentes das galegas ante a emerxencia sanitaria polo coronavirus?

(Europa Press)
Só na mañá desta segunda feira o teléfono 012, o servizo de atención e información á cidadanía no país, recibiu 1.560 chamadas. 

O Consello da Xunta aprobou o pasado 13 de marzo un acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria na Galiza e se activou o Plan territorial de emerxencias (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus e da enfermidade COVID-19. 

Só na mañá desta segunda feira o teléfono 012, o servizo de atención e información á cidadanía no país, recibiu 1.560 chamadas entre as 08:30 e as 14:30 horas, o que supón un 54% máis que nunha xornada habitual, segundo trasladou a Consellaría de Presidencia do Goberno galego. 

O acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), publicado este domingo no Diario Oficial de Galiza, mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público galego como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus, recolle que este teléfono canalizará, con carácter xeral, a atención á cidadanía. 

Así, o servizo de atención e información á cidadanía a través do teléfono 012 (981 900 643 para chamadas realizadas desde fóra da Galiza) ou do correo electrónico 012@xunta.gal, facilita información e asesoramento sobre os servizos prestados pola Administración galega. O servizo, segundo sinalan desde Presidencia, xa foi reforzado e nos próximos días seguiranse a incrementar os seus recursos. 

Tamén se pode obter información na páxina web da Xunta e, máis especificamente, na web https://coronavirus.sergas.gal/ e no teléfono específico 900 400 116.

Aquí están as consultas máis frecuentes recollidas no 012, xunto coas súas respostas, sobre a nova situación xenerada polo estado de alarma decretado en todo o Estado e pola situación de emerxencia sanitaria na Galiza. 

Poden abrir as perruquerías? 

As perruquerías na Galiza non poden abrir, agás para a atención en domicilio e por causas xustificadas.

Poden despachar comida os restaurantes? 

Os locais de comida poderán entregar comida para levar, seguindo as recomendacións sanitarias (distancia de seguridade, tempo indispensable...). Segue permitida a entrega a domicilio.

Permítese o funcionamento dos talleres de reparación? 

Si, poden abrir na Galiza, sempre que se dediquen exclusivamente á reparación. Isto é, se combinan venda e reparación, só poderán dedicarse á reparación.

Teño que ir renovar a miña demanda de emprego? 

Non, as demandantes de emprego non terán que renovar a súa demanda até o próximo 30 de abril. Ademais, quedan suspendidas todas as citas presenciais de orientación laboral.

Preciso algún tipo de documento para xustificar que vou ao traballo? 

Non, non se precisa de ningunha documentación adicional ao circular. Ir ao traballo é unha das actividades permitidas, pero os axentes da autoridade poderán realizar as comprobacións que consideren necesarias.

Poden ir os agricultores ou gandeiros ao traballo? 

Si, o Real Decreto non estabelece limitacións á actividade primaria e permite o acceso ao posto de traballo. Recordamos que os axentes da autoridade poderán realizar as comprobacións que estimen oportunas.

Podo saír a facer deporte ou camiñar por prescrición médica? 

Non, non se pode saír salvo os casos expresamente permitidos. Recoméndase tentar manter certa actividade física no domicilio.

Seguen recolléndose avisos e retirando niños de vespa velutina? 

Si, continúase realizando o servizo de retirada e continúanse recollendo avisos. É un servizo de importancia, especialmente nesta época do ano, e as traballadoras contan con equipos individuais de protección.

Hai un procedemento administrativo co prazo aberto, teño que presentalo igual? 

Non, os prazos administrativos están interrompidos agora mesmo. O cómputo reiniciarase no momento en que se levanten as suspensións. En calquera caso, a sede electrónica segue operativa.

E se xa presentei a miña documentación? 

Se xa presentaches a túa documentación a un procedemento administrativo, este continuará a súa tramitación normalmente.

Que pasa coa resolución das axudas?

As axudas cuxo procedemento xa está pechado seguirán a súa tramitación e notificaranse segundo o previsto.

Podo consultar o estado do meu expediente xa presentado? 

Si, os interesados poden seguir consultando o estado de tramitación dos seus expedientes na súa carpeta cidadá a través da sede electrónica

Afecta a suspensión dos prazos ás emendas e ás notificacións? 

Si, tamén se interrompen os prazos de emendas e reanudaranse cando se levanten as suspensións. As notificacións tamén reanudarán os seus prazos nese momento.

Podo seguir presentando queixas e suxestións á Administración galega? 

Si, continúa operativo o teléfono 012 e a sede electrónica.

As altas e baixas de reses dentro da Oficina Agraria Virtual teñen que ser tamén dentro de prazo? 

Poderán realizarse a través da Oficina Agraria Virtual ou a través do 012. Só no suposto de que non sexa posíbel empregar algunha destas dúas vías, poderase presentar posteriormente.

Que pasa cos chamamentos da Administración?

Os chamamentos quedan tamén suspendidos, salvo que teñan un carácter urxente. Na web de función pública hai un aviso sobre este punto.