O Sergas reprograma as citas médicas e aposta pola atención telefónica

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña (dereita).
"Temos que cambiar a forma de traballar e farémolo sempre baixo os criterios das profesionais e co obxectivo de dar o mellor sevizo sanitario ás galegas", asegurou o conselleiro de Sanidade. 

Para garantir a protección da poboación fronte ao coronavirus e preservar os recursos sanitarios dispoñibles, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) poderá reprogramar as citas co obxecto de facer fronte ás necesidades prioritarias. Así o trasladaron nun comunicado esta segunda feira, no que explican que tanto as citas de atención primaria e hospitalaria, como as probas diagnósticas non urxentes, poderán ser adiadas seguindo criterios clínicos e que sempre se comunicarán estes cambios de maneira individual. 

Ante esta situación de crise pola COVID-19, a instrucción do Sergas é que calquera cambio na cita será comunicado de forma individual a cada paciente e que se non se recibe unha chamada por parte do Sergas, segue en vigor a cita que xa ten.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, insistiu esta segunda feira en que "toda a actividade do Sergas funciona ao 100%" e avanzou que haberá unha "coordinación integral de toda a rede sanitaria pública e privada" da Galiza. "O director do 061 entrou en contacto con todas as empresas de ambulancias que hai na Galiza para facer un censo e que todas estean coordinadas desde o propio 061 en caso de necesidade", apuntou o titular de Sanidade do Goberno galego. 

Almuiña expresou que se "potencia" a atención telefónica e a distancia para "garantir a protección da seguridade" e "sempre co criterio clínico das profesionais". "Temos que cambiar a forma de traballar e farémolo sempre baixo os criterios das profesionais e co obxectivo de dar o mellor sevizo sanitario ás galegas", salientou o conselleiro. 

Que se suspende e que se mantén?

Nos hospitais poderá ser suspendida ou aprazada a actividade cirúrxica programada, salvo aquelas patoloxías recollidas no Decreto 105/2017, de 28 de setembro, polo que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas. 

As consultas e probas diagnósticas non preferentes poderán ser suspendidas ou aprazadas, e no caso das consultas, substituídas por modalidades de atención non presencial.

Así mesmo, o Sergas suspende todos os programas de cribado, sen embargo, realizaranse as probas diagnósticas derivadas destes programas nos casos que deran positivo. Ademais, manténse o calendario vacinal infantil.

Consultas telefónicas

O Sergas promoverá a consulta telefónica en todos os casos posíbeis para evitar que se acuda aos centros sanitarios, e tamén empregará os procedementos que permitan a atención domiciliaria, tanto a través de visita domiciliaria, e recollida de mostras, ou a través da plataforma TELEA, de teleseguimento de pacientes. 

Todas as modificacións realizadas serán comunicadas individualmente aos pacientes citados ou programados con anterioridade. Así, promoverase o contacto cos todos os pacientes que teñan cita próxima e cambiarase á modalidade telefónica en todas as que sexa posíbel. Esta actuación realizarase de forma progresiva e seguindo criterios consensuados cos profesionais sanitarios. 

Os profesionais de atención primaria e hospitalaria revisarán de forma proactiva, con anterioridade á data da cita, co obxectivo de identificar aos pacientes fráxiles ou máis vulnerábeis. Se é posíbel, estes pacientes serán atendidos mediante modalidade de atención non presencial (consulta telefónica ou teleseguimento). 

Así mesmo, potenciarase a contestación directa dende os centros de saúde, evitando a entrada de sistemas automáticos, co obxectivo de incrementar a consulta en modalidade non presencial e evitar que os cidadáns teñan que acudir ao centro a solicitar cita. Neste senso, o Sergas estabelecerá o teletraballo para todas as profesionais que poidan realizar esta variante.

Servizo a domicilio das farmacias 

Por outra banda, a Consellaría de Sanidade activa unha medida que permitirá ás farmacias dispensar a domicilio medicamentos ás persoas usuarias que residan en zonas rurais illadas, dependentes e enfermos crónicos independentemente de onde residan.

Tamén se posibilita a entrega de medicación hospitalaria nos domicilios das pacientes ou a posibilidade de que sexa un familiar o que as recolla no hospital para evitar o desprazamento da persoa enferma. Esta medida súmase á activada xa anteriormente da posibilidade de dispensación excepcional a través do torno.