Ricardo Fandiño, psicólogo clínico: "Cómpre unha intervención comunitaria na saúde mental de nenos e adolescentes"

Profesionais sanitarios apuntan un incremento preocupante de xestos autolíticos, intentos e consumacións, entre a poboación nova. (Foto: Arxina).
Hoxe, 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, profesionais da saúde mental poñen o foco no malestar de crianzas e adolescentes, nun momento en que a maior visualización do seu sufrimento chama a traballar máis desde a prevención, pero tamén a mudar a resposta social e asistencial ás súas inquedanzas.

"En saúde mental trabállase realmente pouco en prevención. O que se fai é detección e intervención. É a detección en consulta é lenta porque a demanda é tremenda e os medios na sanidade pública son escasos". Ricardo Fandiño é vogal da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza, psicólogo clínico e coordinador de ASEIA, a Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia. O seu diagnóstico é preciso e ambicioso.

Foxe da espectacularidade para chamar a atención sobre a necesidade de abordar o malestar psíquico da poboación máis nova desde a comunidade e a prevención. "Se non queremos estar desbordados constantemente con longas listas de espera -de entre seis e nove meses, de media- tanto na pública como na privada o que hai que facer é traballar en prevención. Só iso permitirá avanzar na detección, facer un mellor cribado inicial e anticipar que nenos, nenas e adolescentes requiren unha intervención intensiva" antes de a súa problemática se agrave ou se consolide.

Unha resposta diferente

Segundo datos do Movemento Galego para a Saúde Mental  en 2018 a Galiza contaba en 2018 con 98 profesionais da psicoloxía clínica. A día de hoxe, persoal do Sergas eleva esta cifra até os 129, dous menos dos previstos polo Plan de Saúde Mental da Galiza a finais deste 2022 e 11 por baixo dos que prevé ao cabo de 2024.

Agora vemos unha demanda que ten que ver máis coa depresión, coa ansiedade, con problemáticas máis internalizadas

A sanidade pública está a incorporar máis persoal, pero non abonda. "Necesitamos máis profesionais na saúde mental, psicólogos clínicos e psiquiatras, pero non para facer máis do mesmo, para dar unha resposta asistencial individual, senón para ir virando cara un modelo de intervención comunitaria", alenta Fandiño, o que implica traballar máis onde está a rapazada: na escola e no contorno familiar, e en contacto coa poboación xeral.

Novas demandas

Ricardo Fandiño observa un desprazamento das demandas en materia de saúde mental infanto-xuvenil. Hai anos o motivo principal de consulta era o mal comportamento asociado a condutas disruptivas, impulsivas, desafiantes. "Agora vemos unha demanda que ten que ver máis coa depresión, coa ansiedade, problemáticas máis internalizadas, desde crises de ansiedade até a aparición de autolesións".

Isto, di, vese moi ben no contexto escolar, onde a preocupación aumenta ao mesmo ritmo que a detección. Hai unha maior sensibilidade, tamén por incorporar "axentes de saúde e plans de prevención de suicidio" nas aulas, dous recursos anecdóticos até hai pouco.

Temos que formarmos para que fagan un uso ético e saudábel de internet, e deixar atrás esa dinámica de só estabelecer estratexias de control

Os problemas de saúde mental entre a poboación moza están a aumentar. "Comezamos a velo tras o proceso de confinamento e retirada da rapazada do medio social". Foi un punto de inflexión nun momento moi marcado polo cambio, "por cuestións que afectan os máis novos de forma directa, que marcan as súas inquedanzas e que requiren respostas moi diferentes pola nosa parte". Fandiño refírese aos profesionais da saúde, mais tamén ás familias e á sociedade.

Como afrontar o malestar desde a prevención

"Temos que recuperar a conversa. Esta práctica é moi importante en contextos onde hai nenos nenas e adolescentes. Favorecer o tempo de ocio compartido fronte o persoanalizado. Implicarnos con eles e implicarnos con eles, deixarnos asesorar".

O psicólogo clínico apunta varias cuestións chave. A emerxencia da internet, un espazo onde a rapazada "vive, existe, é, se relaciona", e que non van deixar de utilizar. Ao contrario. "Temos que formarmos para que fagan un uso ético e saudábel, e deixar atrás esa dinámica de só estabelecer estratexias de control".

Fandiño sinala a importancia da construción da súa identidade nas redes e entre o seu grupo de iguais; o impacto da eclosión da igualdade de xénero e da diversidade sexual nese proceso; o planeo case permanente dunha perspectiva de futuro "preocupante" chea de incertezas, que inclúe, tamén, a crise climática. "Se falamos das consecuencias do cambio climático en 2050 non é o mesmo cando pensa un rapaz de 15 anos que se o penso eu. Á rapazada vaille afectar dunha maneira que a min como adulto xa non".

Necesitamos máis profesionais na saúde mental, psicólogos clínicos e psiquiatras, pero non para facer máis do mesmo

Por iso, conclúe, ademais do propio labor asistencial, "os profesionais da psicoloxía deberiamos ter espazos nos que dirixirnos á poboación e ás familias, onde reflexionar e traballar para identificar de forma temperá os seus problemas de saúde mental".