A Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel aspiran a se converter na sétima reserva da biosfera da Galiza

Ribeira Sacra (Foto: Xunta da Galiza).

A Unesco reúnese esta semana en Nixeria para decidir se o espazo natural se suma á rede mundial malia a ameaza de varios proxectos de impacto ambiental que poden chegar a comprometer os requisitos exixidos pola organización internacional.

A "última palabra" sobre a candidatura da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, como informou a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda nun comunicado, correspóndelle ao Consello Internacional de Coordinación do programa Men and Biosphere (MaB), que se reúne entre esta segunda e sexta feira na cidade nixeriana de Abuja, onde dará a coñecer os nomes das novas reservas da biosfera de todo o mundo.

Para o departamento da Xunta, o conxunto natural atópase nun momento "decisivo", case tres anos despois da posta en marcha da candidatura, a principios de 2019, cunha primeira proposta elaborada xunto co Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela e da Fundación Juana de Vega.

Unha vez superado o trámite ante o Comité Español do programa MaB, que avalou por unanimidade a proposta en novembro de 2020, a iniciativa para declarar esta zona reserva da biosfera chegou ao órgano consultivo internacional da Unesco, que lle deu o seu visto bo poucos días despois de que a Xunta e o Estado decidisen adiar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial tras o 'non' da propia Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura.

A Xunta sinala que afronta os últimos pasos do proceso "con optimismo" e que "se todo transcorre segundo o esperado" e a proposta galega se a proba, a declaración da nova reserva entrará en vigor após a súa publicación no Boletín Oficial de Estado, ao tratarse dun instrumento internacional de protección.

A Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel converteríase na sétima reserva da biosfera da Galiza e na segunda máis grande do territorio, posto que o espazo natural atinxe un total de 23 concellos que se estenden polos canóns do río Sil e do río Miño, cunha superficie total de 306.534,77 hectáreas.

Unha beleza ameazada

Segundo Medio Ambiente, trátase dunha zona "de gran beleza natural e moi rica desde o punto de vista cultural e etnográfico". 

Máis tamén se trata dunha paisaxe "agredida" polo impacto de varios proxectos, eólicos e hidroeléctricos, que ameazan a contorna, contrarios á conservación que exixe unha reserva da biosfera, salientan entidades ecoloxistas desde o inicio da candidatura.

Neste sentido, sempre se amosaron moi críticas coa decisión da Xunta de utilizar unha figura de protección máis "branda", como é unha reserva da biosfera, para compensar "o seu desinterese e falta de vontade por ampliar a Rede Natura 2000 e aplicar o Plan Director neste territorio".

Reservas da biosfera

Galiza conta na actualidade cun total de seis espazos recoñecidos polo programa Men and Biosphere da Unesco, que promove o desenvolvemento sostíbel baseado na mellora da relación do ser humano coa súa contorna.

Área de Allariz; As Mariñas e Terras do Mandeo; Gerês-Xurés; Ancares e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Bourón e Terras do Miño son as seis reservas da biosfera galegas, integradas nunha rede mundial que busca reconciliar a diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social.