Ribeira quece motores para acoller o Encontro de Embarcacións da Galiza: da restauración da 'Chopa' aos oficios do mar
Ribeira avanza na posta en valor do seu patrimonio marítimo ás portas do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais da Galiza, que a vila acollerá entre o 17 e o 20 de xullo. No marco desta cita, o Concello vén de entregar formalmente unha dorna restaurada pola Unidade de Condutas Aditivas (UCA) á Confraría da Dorna, após a súa doazón por Andrés "O Chopo".
A entrega decorreu esta terza feira na Lonxa Vella, coa presenza do alcalde, Luís Pérez Barral; do concelleiro de Sanidade, Juan Luís Furones; do concelleiro de Mar, Fernando Abraldes; do coordinador da Escola de Vela Tradicional da Confraría da Dorna, Anxo García; do responsábel do obradoiro de madeira da UCA, Manuel Casais, e do propio doante.
Pérez Barral puxo en valor o traballo do alumnado que fixo posíbel recuperar unha embarcación que, como subliñou, "forma parte do noso patrimonio marítimo e agora poderá ser desfrutada por xeracións presentes e futuras". Tamén salientou que a restauración "encaixa de cheo na liña de acción do Goberno local para protexer e difundir o patrimonio marítimo, sinal de identidade de Ribeira". "Este tipo de embarcacións deron de comer a moitas familias durante moitos anos e agora queremos que sigan a ser unha referencia viva no noso Concello", engadiu.
Desde a Confraría, Anxo García agradeceu o labor da UCA e do Concello para cumprir un dos obxectivos da entidade "manter o noso patrimonio marítimo". García destacou tamen que "esta dorna, chamada Chopa, estaba en moi mal estado e deixárona impecábel".
Pola súa parte, Manuel Casais subliñou a dedicación do alumnado: "Que sintan que se están recuperando e apoiando a comunidade co seu traballo". O concelleiro de Sanidade e responsábel da UCA, Luís Furones, manifestou que isto "é unha mostra máis do bo facer do alumnos do obradoiro da UCA". Furones afirmou que moitas veces o seu labor "queda no escurantismo ou pode pensarse que só é un servizo onde se dispensa medicación".
Pérez Barral ligou esta entrega co XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais: "Xunto a esta dorna e outras da Confraría, imos poder gozar nuns poucos días dunha gran festa que manterá viva a nosa historia mariñeira".
Os oficios do mar
A maiores, Ribeira reforza o compromiso coa memoria do mar coa primeira das colaboracións que desenvolverán co Consello da Cultura Galega, que comezan esta quinta feira, 3 de xullo, cunha xornada sobre os oficios mariñeiros no Centro Cultural Lustres Rivas.
O programa incluirá relatorios sobre a carpintaría de ribeira, o oficio das redeiras ou a protección do patrimonio cultural inmaterial, e culminará cunha mesa de debate sobre a salvagarda destes oficios. O alcalde salientou a relevancia deste protocolo: "Unha oportunidade para sumar programación cultural de nivel e principiar falando do que nos define: a nosa historia mariñeira".
Así, o programa abordará cinco relatorios con cinco profesionais por tema; o primeiro comezará ás 16.45 horas co título "Os oficios do mar na cultura marítima" no que intervirá, Lino Lema Bouzas do Padroado do Museo do Pobo Galego; ás 17.15 horas, "A protección do patrimonio cultural inmaterial na Lei de patrimonio cultural de Galicia" con Manuel Chaín Pérez da Xunta da Galiza; ás 17.45 horas, "A carpintaría de ribeira, ben de interese cultural" con Gerardo Triñanes Fernández, representante da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira; ás 18.15 horas, “A salvagarda do oficio de redeira” con Rosa María Pardo Campaña, redeira, presidenta da Asociación de Redeiras do Cerco de Portosín, e para finalizar, ás 18.45 horas, haberá unha mesa de debate co título "A salvagarda dos oficios do mar", patrimonio cultural inmaterial na Galiza que moderará Guadalupe Jiménez-Esquinas, antropóloga da Universidade de Santiago de Compostela.
"Unha programación cultural de nivel con expertos que nos podan falar de temas moi diversos e, neste caso, que mellor que principiar falando da historia mariñeira de Ribeira", concluíu o rexedor.

