VÍDEO

Un milleiro de persoas lamentan o crime machista de Ribeira e piden que a vítima "non quede nun número"

Mobilización en Ribeira en sinal de repulsa polo asasinato de Andrea. (Foto: Europa Press)
"Non podemos quedar impasíbeis mentres as mulleres son asasinadas o feito de seren mulleres e non quereren dobregarse. A violencia de xénero infecta calquera ámbito da sociedade porque non entende de territorio nin de clases, idades ou nacionalidades", defende o alcalde.

Arredor dun milleiro de persoas concentráronse esta cuarta feira en Ribeira (O Barbanza) para expresar a súa repulsa polo crime machista da muller de 25 anos asasinada pola súa ex parella a pasada terza en Palmeira, Andrea, unha morte que as e os ribeirenses chamaron a que non quede relegada a ser "un número máis" na lista de feminicidios.

O acto en memoria da moza que residía na parroquia de Palmeira co seu fillo de dous anos e que morreu como consecuencia das feridas de arma branca provocadas supostamente pola súa ex parella reuniu unhas mil persoas no Malecón de Ribeira na tarde-noite desta cuarta feira, primeiro dos dous días de loito oficial decretados pola corporación municipal nun pleno extraordinario decorrido durante a mañá. Á mostra de repulsa polo crime de Palmeira sumáronse centos de veciños cos grupos políticos e o alcalde, Luís Pérez Barral, á cabeza xunto á Asociación de Mulleres do Barbanza e membros dos equipos municipais de emerxencias e os corpos de Policía Local e Nacional.

Presididos por unha pancarta que rezaba 'Ribeira di non á violencia de xénero', o propio rexedor deu lectura a un manifesto elaborado polo Centro de Información á Muller (CIM) no que apelou á implicación de toda a sociedade para combater a secuela da violencia machista, unha "cruenta epidemia social". "Pedimos que este grave problema non se normalice nin que as mulleres se convirtan en números, porque detrás das sete mulleres que foron asasinadas durante este 2024 ou das 1.247 mulleres asasinadas desde que hai rexistros oficiais no ano 2003 no Estado español, hai moitas vidas truncadas", sinalou o rexedor.

Así, Pérez Barral avogou en nome da corporación por "honrar a memoria" e mostrar así "o máis profundo rexeitamento" á violencia contra as mulleres, unha lacra social "que está por todas partes" e que debe obrigar a sociedade e institucións a actuaren para facerlle fronte.

O rexedor lembrou que detrás do crime da veciña de Palmeira tamén están "outras vidas truncadas" como a do seu fillo de dous anos, a súa irmá e o resto de familiares e achegados, aos que ofreceu o apoio e a solidariedade "incondicional" de todo o municipio.

"Non podemos quedar impasíbeis mentres as mulleres son asasinadas o feito de seren mulleres e non quereren dobregarse. A violencia de xénero infecta calquera ámbito da sociedade porque non entende de territorio nin de clases, idades ou nacionalidades", aseverou Pérez Barral.

Así, subliñou o compromiso da corporación ribeirense de "asumir responsabilidades" desde a súa función como administración pública para traballar en favor da igualdade "real" entre homes e mulleres, un obxectivo no que, como incidiu, tamén "é necesaria a axuda de toda a sociedade, porque non hai nada que xustifique a violencia de xénero".

"Xuntos e xuntas podemos construír unha sociedade máis xusta, libre e igualitaria e, por tanto, máis democrática", concluíu Pérez Barral antes de dar paso a un minuto de silencio fechado cunha ovación en memoria da veciña de Palmeira asasinada, no que é o primeiro crime machista que hai que lamentar na Galiza no que vai de ano.