Asturies responde ao recurso galego contra o topónimo "ría del Eo" falando do "rigor" dos estudos

Vista da Ría de Ribadeo, no centro da polémica. (Foto: Nós Diario)
A principios de novembro transcendeu que o Instituto Xeográfico español atendeu a demanda do Principado para oficializar o nome "Ría del Eo" para referirse á Ría de Ribadeo. O Concello respondera asegurando que recorrería a decisión, algo que vai apoiar a Xunta segundo comunicou esta cuarta feira, mais o territorio veciño defende o ditame.

Asturies defende que a até agora coñecida como Ría de Ribadeo ten que chamarse tamén "ría del Eo" de forma oficial, tal e como concedeu o Instituto Xeográfico Nacional hai semanas. Así respondeu o Principado ao recurso e a oposición galegas ao cambio.

A Consellaría de Cultura, Política Lingüística e Turismo de Asturies amosou esta cuarta feira o seu convencemento da "razón do seu argumentos" e "do rigor e fortaleza dos traballos para que se recoñecese o topónimo Ría do Eo", ante o anuncio da Xunta de recorrelo, que vén a sumarse á medida anunciada polo Goberno local de Ribadeo.

O Instituto Xeográfico Nacional (IXN) aceptou hai semanas este topónimo para a contorna, iso si como nome alternativo -e non como substituto- ao mesmo nivel de oficialidade e uso que o de Ría de Ribadeo, co que se identificaba fóra dos dous territorios o estuario no que desemboca o río Eo e que separa Asturies da Galiza.

O visto e prace da institución estatal chegou após a demanda do departamento de Cultura, Política Llingüística e Turismo para oficializar o nome, polo seu emprego maioritario no territorio.

No seu momento o Concello de Ribadeo dixo que intentaría invalidar a decisión e esta cuarta feira o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, avanzou que a Xunta tamén vai recorrer.

De feito, confirmou esta manobra nunha carta ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, onde remarcou que a Xunta apoiou varias iniciativas defendendo Ría de Ribadeo como única forma validada, ao contar co aval de expertos.

A declaración do Principado foi unha resposta a este anuncio. En calquera caso, non só a Administración amosou a súa disconformidade coa medida, pois distintos colectivos opinaron en contra.

Así, na misiva Feixoo di compartir o "malestar" de Ribadeo e solicita que se sumen outras entidades e institucións para ter máis forza na reclamación.