A ría de Arousa érguese contra o novo proxecto de explotación para a mina de Touro

Confrarías e colectivos sociais e ecoloxistas rexeitan o novo proxecto de explotación para a mina de Touro e exixen a súa restauración (Foto: Nós Diario)

O proxecto de reapertura da explotación da mina de Touro fai soar a alarma ambiental na ría de Arousa e ergue a oposición de numerosas entidades do país: desde a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, a até sete confrarías de pescadores e agrupacións de produtores de mexillón, pasando por colectivos ecoloxistas, sociais e sindicais.

Unha ampla representación da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA): confrarías de pescadores e agrupacións de produtores de mexillón, alén da Plataforma Mina Touro-O Pino Non, colectivos ecoloxistas e sociais, reiteraron este sábado 3 de xullo en rolda de prensa a súa oposición ao proxecto de reapertura da explotación da mina de Touro.

As entidades sinalan que logo de que en febreiro a Consellaría de Industria rexeitase definitivamente o anterior proxecto de mina, “a empresa mineira volveu tentalo a través de contactos coa veciñanza e as confrarías de Arousa para convencelas das bondades dun eventual novo proxecto mineiro”. A esta campaña de propaganda engádese, segundo denuncian, “o feito de que a empresa mineira xa presentou no concello de Touro unha nova solicitude de compatibilidade urbanística, trámite que supón o primeiro indicio oficial”.

Perante o que sinalan como “novo intento de reanudar a actividade”, os sectores sociais afectados transmitiron á corporación Atalaya Mining e á Xunta da Galiza a súa negativa a “dar licenza social a un proxecto extractivo que pretende explotar a ceo aberto o cobre en Touro” e exixen que afronten a restauración “da desfeita ambiental deixada pola mineira nos últimos 35 anos”.

Acusan a empresa mineira de chantaxe ao condicionar a recuperación ao novo proxecto

Os colectivos sociais sinalaron na rolda de prensa deste sábado que a idea da empresa sempre foi a de “condicionar” a restauración do espazo danado pola mina á reapertura do novo proxecto. “Agora, a mineira volve á carga co mesmo argumento, ao que engade afirmacións como que nos tempos da primeira etapa da mina (1972- 1986) non había as exixencias de restauración ambiental vixentes hoxe".

Consideran que tales afirmacións, “lonxe de fortalecer a posición da mineira, debilítana”, xa que está a “recoñecer a necesidade de restaurar, o que implica asumir a responsabilidade da grave contaminación presente hoxe nun amplo territorio debido á súa actividade”. Ademais, os colectivos sinalan que é “falso que a lexislación mineira vixente naquela altura non estabelecese a obriga de restaurar”, pois tanto a Lei de Minas de 1973 como especialmente o RD 2994/1982 (substituído posteriormente polo 975/2009) sobre restauración do espazo natural afectado por actividades mineiras (aprobado catro anos antes do abandono da explotación de Touro), estabelecían a necesidade de restaurar o dano causado ao territorio.

“Que pasaran 35 anos e sigan abertos os ocos mineiros, as balsas de estériles sen encapsular, as drenaxes ácidas vertendo de continuo á bacía fluvial... só significa que a empresa non tivo vontade algunha de cumprir a lei nin tampouco houbo vontade por parte da Xunta de obrigar ao seu cumprimento. A súa credibilidade é nula”, destacan os colectivos ecoloxistas.

Aliás, lembran que en xaneiro de 2020, o Conselleiro de Economía, Francisco Conde, manifestou en sede parlamentar a exixencia á empresa de tramitar un plano de restauración que “salvagardase o estado ecolóxico” dos ríos da contorna, tributarios do Ulla. Ano e medio despois, denuncian, non cumpriu coa palabra dada nin tomou medidas sancionadoras.

Medidas “compensatorias”: planta de tratamento de puríns, de residuos da construción e unha depuradora

Para facerse coa tan ansiada “licenza social”, din os colectivos sociais, “a empresa ofrece a engádega de desenvolver no seu territorio unha planta de tratamento de puríns, outra de refugallos da construción e unha depuradora para as augas da balsa de Vieiro”. Estas propostas “non son máis que unha estratexia para camuflar os graves déficits ambientais derivados do proxecto mineiro xa sinalados por Augas da Galiza nos seus demoledores informes ambientais e que levaron á denegación do proxecto”, xa que “o proceso extractivo e de separación do cobre sigue sendo o mesmo e constitúe a orixe de toda a contaminación”.

Na rolda de prensa sinalaron que os últimos documentos técnicos que a mineira está a trasladar ás confrarías e á veciñanza “son copia case literal dos que xa figuran no expediente administrativo do proxecto rexeitado” e critican que a empresa tenta ocultar que máis de 65 km cadrados da bacía fluvial que drena o Ulla amosan unha grave contaminación polas drenaxes ácidas e os metais pesados da mina.

Malia a que se insiste en argumentar que moi pouca desta contaminación chega ao Ulla e á ría de Arousa, as normas de calidade ambiental das augas obrigan a que en cada punto dos cursos fluviais, grandes ou pequenos, deben cumprirse os límites para as substancias contaminantes.

A empresa mantén que o efecto da dilución das augas do Ulla é moi importante, mais os metais son prexudiciais para a fixación da semente dos bivalvos e para a súa fixación, polo que a eliminación de calquera fonte deste tipo de contaminación é fundamental para garantir a calidade dos productos do mar, a viabilidade das explotacións e a biodiversidade da ría de Arousa.

Por todo isto, os colectivos sociais consideran “ridículo e indigno descargar no río Ulla a responsabilidade de diluir as vergoñas da mineira”.

Consideran pois que o novo proxecto “non vai solucionar os problemas de contaminación da antiga mina xerados polo abandono da empresa e o desleixo da Admistración, senón que vai engadir outros novos: converter Touro e o Pino nun centro de recepcións de máis residuos, o que incrementa as ameazas sobre a ría”.

A ría de Arousa está a menos de 50 km da mina de Touro, e o núcleo de poboación de Arinteiro a 250 metros.

As organziacións que compareceron este sábado e publicaron un comunicado sobre esta problemática ambiental consideran que a mineira “pretende resucitar o seu proxecto esquecéndose da débeda ambiental contraída despois de máis de 35 anos de contaminación e pretende voltar a pór unha espada de Damocles sobre a ría de Arousa e das súas xentes”. Por iso, as organizacións lanzán un chamado de alarma á sociedade galega, “un S.O.S pola vida da ría e da contorna de Touro”.

O comunicado presnetado enste 3 de xullo en rolda de prensa está asinado pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, a Plataforma Mina Touro-O Pino Non, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e e Beragantiños, as confrarías de Cambados, Rianxo, Cabo de Cruz, da Illa de Arousa, Vilanova, do Grove, da Pobra, o Consello Regulador do Mexillón, e as entidades ecoloxistas Adega, verdegaia, Ecoloxistas en Acción, a central sindical CIG, a FRUGA e o Sindicato Labrego Galego, entre outras entidades.