Rexistrado un terremoto de 3,1 en Muxía

(Imaxe: IGN)
O epicentro localizouse na parroquia de Ozón.

A terra volveu tremer esta segunda feira na Galiza, desta volta en Muxía, comarca de Fisterra, onde se rexistrou un terremoto de magnitude 3,1. O sismo produciuse apenas catro días despois do de 3,3 con epicentro en Oroso, na comarca de Ordes.

Segundo as coordenadas do epicentro que proporciona o Instituto Xeográfico Nacional (IXN), o punto central foi a un quilómetro de profundidade, na parroquia de Ozón.

En concreto, segundo os datos do IXN, o tremor tivo lugar ás 6:38 horas da mañá nunha área rodeada polas aldeas de Quintáns, Cebráns, Fumiñeo e Castelo, a só un quilómetro de profundidade.

Os rexistros do IXN apuntan a que o tremor sentiuse, ademais de en Muxía, en varias zonas de Vimianzo (Baíñas, A Gándara, Caxadas ou Vilaseco, entre outras) e, con menor intensidade, en Cee e Dumbría.

O pasado 25 de novembro, varios concellos do país rexistraron un tremor con epicentro na localidade portuguesa de Melgaço. Produciuse na madrugada cunha magnitude de 3,5 segundo o Instituto Xeográfico Nacional e a unha profundidade de 15 quilómetros. A pesar diso, foi percibido en distintos concellos galegos como A Mezquita (comarca de Viana), Padreda, A Merca ou Cartelle (comarca de Celanova).

Un mes antes, 27 de outubro, o Instituto Xeográfico Nacional alertara do rexistro dun terremoto con epicentro no concello de Ribeira (O Barbanza). Segundo a entidade, o sismo tivo unha magnitude de 3,3 na escala de Richter e foi moi pouco perceptíbel.