O TSXG rexeita aplicar retroactivamente a lei do 'só si é si' porque aumentaría a pena a un home por violar a súa muller

Sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza nunha foto de arquivo. (Foto: Europa Press)
Confirma a sentenza da Audiencia Provincial de Lugo que o condenou a case nove anos de cárcere por agresión sexual, maltrato e coacción.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) rexeitou esta cuarta feira aplicar de maneira retroactiva a lei do "só si é si" porque, de facelo, aumentaría nun ano a pena de prisión que a Audiencia Provincial de Lugo impuxera ao home por violar a súa muller no ano 2019. 

Entre outros delitos, a Audiencia condenara o home en xuño de 2022 a seis anos de cárcere polo delito de agresión sexual. Non obstante, o TSXG, ao revisar o recurso de apelación que presentou o home pedindo unha rebaixa da pena con base na nova lei, sinalou que, en todo caso, habería que aumentala a sete anos. 

O alto tribunal galego baseou esta decisión en que un dos novos agravantes que introduce a reforma do Código Penal é que vítima e acusado manteñan relación matrimonial ou análoga relación de afectividade. 

O TSXG confirma a sentenza

O TSXG acepta o relato de feitos probados na sentenza de primeira instancia, na que a Audiencia entendeu acreditado que o condenado violou a súa muller, así como que profería "continuos insultos e vexacións" contra a vítima, á que lle controlaba o teléfono móbil. 

Segundo o fallo, o home non a deixaba saír soa da casa e "atemorizábaa". Os maxistrados tamén indicaron na resolución que incluso chegou a "fechar con chave a porta do domicilio, deixándoa fechada no seu interior".

A Sala do Civil e Penal do TSXG desestimou, por tanto, o recurso presentado polo condenado e rexeitou revisar a pena de seis anos de cárcere imposta polo delito de agresión sexual debido á entrada en vigor da Lei Orgánica 10/2022, de garantía integral da liberdade sexual. 

Os maxistrados explicaron que "non poden" aplicar o novo subtipo agravado "porque sería retroactivo".