Rexeitan aplicar a lei do ‘só si é si’ a dous condenados porque ‘aumentaría as penas’

A Audiencia Provincial de Pontevedra rexeitou cinco revisións de penas en base a Lei de “só si é si”, por casos nos que a súa aplicación non suporía beneficio para os condenados.

A Audiencia Provincial de Pontevedra rexeitou cinco revisións de penas en base a Lei de “só si é si”, por casos nos que a súa aplicación non suporía beneficio para os condenados.

En concreto, en tres dos casos os tribunais galegos estiman que a aplicación da nova lexislación implicaría a mesma condena para os procesados. Nesta situación está un home condenado por agredir sexualmente ás dúas fillas da súa parella desde que tiñan oito anos e outro procesado por roubar e violar a unha muller de 92 anos en Vilagarcía de Arousa (comarca do Salnés).

Tampouco se beneficiarán da aplicación desta lei unha parella que en 2015 foron condenados a máis de 30 anos de prisión cada un por agredir sexualmente a dúas das súas fillas.

Finalmente, no caso de dúas sentenzas revisadas, os tribunais apuntan que, lonxe de resultar beneficiados pola Lei de “só si é si”, os condenados recibirían con esta nova norma unha pena maior.

Trátase dun home condenado en 2021 por abusar sexualmente da súa sobriña de 14 anos e dun home condenado en 2010 por violar durante máis dunha década á filla da súa parella, desde que a vítima tiña nove anos.

Desde a entrada en vigor da Lei Orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, as audiencias provinciais galegas e o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza revisaron e emitiron polo menos 33 decisións – tanto revisións de penas xa impostas como recursos – referidas a condenas.

Delas, polo menos 21 supuxeron unha rebaixa da pena dos delincuentes, mentres que no resto de ocasións, incluída a que afecta o caso do líder dos Miguelianos, foi mantida a condena porque a Lei de “só si é si” suporía que o xuízo se saldaría cunha pena maior que a que se puxo no seu momento.