A Revista Galega de Economía xa é “excelente”

A Facultade de Económicas da USC (Foto: Santi Alvite).

A publicación, promovida pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, obtén o selo de calidade da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

O recoñecemento das publicacións científicas sempre é un valor engadido para unha institución docente. Por este motivo, desde a Universidade de Santiago (USC) amosan a súa satisfacción pola obtención do selo de calidade da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) para a Revista Galega de Economía / Galician Journal of Economics (RGE/GJE).

A oitava edición da avaliación da calidade editorial e científica das revistas científicas do Estado español considerou deu este paso e acredita como publicación excelente á que se promove desde a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.

Segundo informan desde a USC, a Fecyt, ademais de ter en conta todos os indicadores e criterios de avaliación, tanto obrigatorios como recomendados, recoñeceu a publicación cunha mención ás boas prácticas editoriais en igualdade de xénero, un novo parámetro estabelecido pola Fundación na presente convocatoria.

Desde 1992

A Revista Galega de Economía / Galician Journal of Economics é unha publicación internacional, fundada en 1992 e promovida pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, que procura fomentar a investigación académica mediante a publicación artigos orixinais.

Os traballos que se difunden cumpren, segundo a USC, cos máis altos estándares analíticos e achegan novas ideas para contribuír ao coñecemento económico e empresarial e á súa difusión.

Como todas as revistas da USC, a RGE/GJE edítase en acceso aberto no Portal Dixital de Revistas da USC, que xestiona e administra Edicións USC.

Coa RGE/JGE son xa cinco as revistas da USC con selo da Fecyt. Tanto a dirección da revista como a dirección de Edicións USC manifestaron a súa satisfacción e sinalan que a concesión do selo evidencia o recoñecemento da altura académica e prestixio internacional da publicación. “Non hai maneira mellor de rematar o curso académico”, sinalan desde o comité de redacción.