Nivel máximo de restricións en 60 concellos e medio-alto no resto de municipios da Galiza

Alberto Núñez Feixoo e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña momentos antes da comparecencia (Foto: Arxina)

Galiza adianta a partir desta sexta feira o toque de recoller ás 22:00 horas, toda a hostalería deberá pechar a partir das 18:00 horas e os comercios terán un horario máximo até as 21:30 horas. As sete principais cidades quedarán fechadas á mobilidade desde esta sexta feira no seu perímetro individual. 

Nivel máximo de restricións en 60 concellos e medio-alto no resto de municipios galegos. Neses 60 concellos onde se aplicarán as restricións máis duras vive case 50% da poboación galega. O toque de recoller adiántase ás 22:00 horas. Así o anunciou Núñez Feixoo esta cuarta feira, na comparecencia para dar conta do acordado na comisión sanitaria da noite de onte. Ademais, vanse perimetrar as 7 principais cidades da Galiza.

O presidente informou que se mantén o feche da Galiza. O país fica baixo 2 niveis de restricións: o máximo e o medio-alto. Este. o medio alto, é o que vai rexer na maioría dos municipios e o extremo aplicarase a 60: 33 de máis de 10.000 habitantes e 27 con menos de 10.000.  Nestes 60 concellos, co nivel máximo de restricións e mobilidade restrinxida, vive 47% da poboación galega.

Nestes concellos, o interior da hostalería estará pechada e só se poderá atender en terrazas até as 18:00 horas e entrega a domicilio. Os establecementos de xogo fecharán. A capacidade en centros comerciais será do 30 % e estarán sometidos a unha "especial vixiancia". Non se permitirá a mobilidade fora do  concello. 

As sete principais cidades quedarán fechadas á mobilidade desde esta sexta feira no seu perímetro individual, aínda que no caso de Lugo, Pontevedra e Vigo o comportamento epidemiolóxico é mellor que no resto e están nun nivel de restrición distinto do resto

Feijóo fixo a "recomendación" de levar a cabo só "o esencial", como é "acudir ao médico, colexios, coidado de maiores e menores, acudir a comercios a comprar enseres indispensábeis e acudir con normalidade ao traballo", aínda que neste punto fixo fincapé en que "sempre que sexa posíbel" se recupere o teletraballo.

As principais restricións son un máximo de catro persoas en reunións públicas e privadas. Neste punto, e dado que toda a hostalería pechará ás 18:00 horas, Feixoo pediu "non substituír" estes encontros nos bares e restaurantes nos domicilios privados, isto é, non realizar reunións de non conviventes entre as 18:00 e as 22:00 horas do toque de recoller.

Uns 7.000 axentes da Garda Civil e a Policía Autonómica vixiarán que se cumpran as novas restricións

O comercio deberá pechar ás 21:30 horas, as tendas seguirán con capacidade reducida ao 50%, a vixilancia en centros comerciais reforzarase e están prohibidos os usos comúns.

Feixoo indicou que, "de non facer nada", o pico da terceira onda produciríase a finais de febreiro pero que, con estas medidas, espérase poder adiantala a finais de xaneiro ou principios do próximo mes. As medidas durarán, polo menos, até mediados de febreiro, confirmou, e tamén apuntou que con elas preténdese minimizar a presión hospitalaria e os ingresos en UCI.

No tocante ás actividades deportivas non federadas: os grupos serán dun máximo de 4 persoas e, nos espazos interiores, a capacidade tampouco pode superar o 50%.

Por outra banda, nos cines, teatros e auditorios: haberá que estar sempre sentados, mantendo a distancia de seguridade, cun límite máximo de 250 persoas nos espazos pechados e 500 persoas nos espazos ao aire libre; e as visitas hospitalarias circunscríbense a unha persoa por paciente en todos os hospitais do Sergas, agás casos excepcionais. 

Cal son os concellos en nivel máximo de restricións?

A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Carballo, Santiago de Compostela, Ames, Ribeira, Boiro, Rianxo, Noia, Ferrol, Narón, Fene, Cee, Camariñas, Cerceda, Laxe, Vimianzo, Cabanas, Pontedeume, Ortigueira, Outes, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, Melide, Oroso, Trazo e Val do Dubra. Vilalba, Viveiro, Xove. Ourense, Barbadás, Carballiño, Verín, Allariz, Monterrei e Xinzo de Limia.

Ademais, tamén entran nesta categoría os municipios de A Estrada, Poio, Bueu, Moaña, Baiona, Ponteareas, Redondela, A Guarda, Tomiño, Tui, Vilagarcía, Vilanova, A Illa de Arousa, Valga, Pontecesures, Caldas de Reis, Oia, Cuntis, O Rosal e Salvaterra do Miño.

Comité

O Comité Clínico propuxo na xuntande onte que toda Galiza fique comprendida nos dous niveis máis altos de restricións: máximo e medio-alto. Isto supón que a hostalaría terá que fechar ás 18:00 horas en toda Galiza e que as xuntanzas de persoas non conviventes non poderá ser de máis de 4, para alén de limitacións á mobilidade.

A este comité chegouse despois de días de constante aumento de casos activos, contaxios e da suba da presión hospitalaria. O propio Núñez Feixoo anunciara horas antes que viñan avanza medidas "máis restritivas" ante unha terceira onda que será "igual ou superior" á de novembro.

Ante o preocupante aumento de casos de coronavirus, o presidente da Xunta recoñeceu que sería mellor non celebrar reunións familiares en Nadal. As medidas para esas datas foron fixadas polo Goberno que el mesmo preside.