Os Concellos ven un “golpe durísimo” as novas restricións e exixen axudas inmediatas

Imaxe do Entroido pontevedrés co loro Ravachol en 2019. (Foto: Europa Press)
Os municipios comezan a suspender actividades como os mercados semanais ou o Carnaval en previsión de que as limitacións anunciadas hoxe pola Xunta poidan adiarse no tempo. Pontevedra, por exemplo, renuncia á tradición e anuncia o indulto do loro Ravachol.

Os gobernos das grandes cidades e dos pequenos municipios non están tardando demasiado en reaccionar ás medidas anunciadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, para intentar controlar a expansión da pandemia. Xa advirten de que vai ser un “golpe durísimo” para os negocios, especialmente para a hostalaría, e reclaman do Goberno galego unha liña de subvencións acelerada.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destaca o bo comportamento da veciñanza porque esta cidade queda nun nivel “medio-alto” de restricións e non no máxico risco. No entanto, pide á cidadanía que non deixe as precaucións porque hai que procurar “a tendencia á baixa nas cifras” sen esquecer que detrás hai persoas.

En calquera caso, o feito de que en Lugo na hostalaría poidan ter até o 30% da capacidade quer dentro, quer fóra (nas terrazas) non tranquiliza a Méndez. Nesta “nova realidade” a comezar o venres volven verse prexudicados “sectores fundamentais” polo que exixe á Xunta “que poña xa medidas enriba da mesa para paliar esta situación”.

O seu homólogo en Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, apunta a un “golpe durísimo” tendo en conta que a cidade vai estar en risco extremo, é dicir, só se poderá habilitar o 50% da terraza pero bares e restaurantes terán fechado o interior.

Malia non cuestionar a decisión do Goberno galego e do comité clínico, amósase preocupado pola situación económica. Polo momento, promete retirar unha taxa aos locais de hostalaría no trienio 2020-2021-2022, xa que a chegada da emigración á cidade “no Nadal” supuxo un incremento dos contaxios “moi forte”.

Mudanza do Entroido

En Pontevedra, sendo precavido polo que poida seguir pasando, o Concello vén de anunciar que suspende todos os eventos que formarían parte do Entroido. Así, mesmo decidiu indultar ao loro Ravachol, unha figura fundamental nestas festas.

A concelleira de Festas, Carme da Silva, comentou que traballan nunha nova programación “que terá como fío condutor a memoria histórica do carnaval na rúa”.

Localidades máis pequenas

Noutras localidades máis pequenas, como pode ser Culleredo -na área metropolitana coruñesa e até o de agora fechado perimetralmente con A Coruña, Arteixo e Cambre- tamén hai avances. O rexedor, José Ramón Riobóo comunicou que cando estean en vigor as novas medidas advertidas hoxe aumentarán os controis nas entradas e saídas do municipio, para sancionar aquelas que non teñan a debida xustificación.

En Ames quedan suspendidos os mercados ambulantes dos sábados, que decorrían en Bertamiráns. En O Rosal, pola súa parte, propoñen á Consellaría de Sanidade que faga un cribado masivo dada a alta incidencia do coronavirus.