Os restaurantes da Galiza exixirán sempre o certificado Covid se o TSXG avala a decisión

Varios carteis indican a obriga de presentar o certificado Covid para acceder ao interior dun local (Foto: Arxina).
Os bares poderían ter horas diferenciadas para consumidores con e sen pasaporte de vacinación, mentres que para acudir aos outros estabelecementos sería indispensábel en todo momento. A medida depende da decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ao respecto.

A Xunta e os hostaleiros mantiveron esta segunda feira unha reunión de traballo arredor da situación epidemiolóxica pola Covid-19 na que coincidiron en incorporar a exhibición do Certificado Covid para os clientes dos estabelecementos, un requisito que xa está implantado nos locais de lecer nocturno e que, en todo caso, deberá ser ratificado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Concretamente, se ten o aval xudicial, os restaurantes pasarán a incorporar a exixencia deste certificado durante todo o día, mentres que bares e cafeterías deberán reclamalo a consumidoras e consumidores a partir das 21horas. É dicir, estes últimos poderían atender clientela con e sen vacinar -ou sen ter superado a enfermidade ou sen contar cunha proba negativa para o coronavirus- durante toda a xornada até chegar as 21 horas, cando si sería preciso probar calquera destes tres supostos para poder acceder ao interior do local.

Ademais, dada a situación actual da pandemia, reduciranse as mesas en interiores, de dez a oito comensais, mentres que en exteriores pasarán de 20 a 15 como máximo. Ao tempo, mantéñense os mesmos horarios actuais e as capacidades.

A esixencia desta acreditación -sexa de vacinación, recuperación da enfermidade ou proba negativa- xa a incorporou o Goberno galego durante o verán, pero a sala de vacacións do TSXG tombou a medida, a cal, finalmente, o Tribunal Supremo avalou en parte.

En consecuencia, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, confía en que agora non supoña un problema que poida ser referendada. Enviarase a petición de autorización esta mesma semana para que as medidas poidan empezar "canto antes".

Contexto e representación

Após a sentenza do Supremo, no país incorporouse a solicitude dese documento no lecer nocturno, con aval do alto tribunal galego, así como nos albergues e, desde o pasado sábado, en hospitais para os acompañantes ou visitas a pacientes ingresados.

No encontro desta segunda feira participaron, por parte da Xunta, o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; a directora  xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e o director xeral de  Emerxencias, Santiago Villanueva.

Por parte do empresariado, entre outros e con presenza de toda Galiza, acudiron de forma presencial o presidente dos hostaleiros de Lugo e da Asociación Hostalería de Galicia, Cheché Real, e o presidente das e dos hostaleiros de Pontevedra, César Ballesteros.

Actualmente, as capacidades no sector están ao 100%, quer en terrazas quer en interiores, e existe un nivel de seguridade que reduciría ao 30% o espazo para dar o servizo en interior e ao 50% en exteriores.