A hostalaría comeza a reaccionar ao fallo do Tribunal Supremo que avala o certificado Covid nos estabelecementos que estabelecera a Xunta hai algunhas semanas e que fora paralizado pola negativa do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).
Após ter coñecemento de que o alto tribunal considera que “o beneficio que proporciona a medida, respecto da redución significativa dos contaxios, é moi superior ao sacrificio que comporta a esixencia de presentar a documentación para o acceso ao local”, o sector na Galiza amosa a súa satisfacción pero prefire permanecer nunha posición prudente até ver como evolucionan os acontecementos, pois non esquecen eses atrancos do pasado recente.
O empresariado aposta na cautela pero ve con bos ollos que se poida solicitar o documento sobre a vacinación fronte o coronavirus para acceder a bares, restaurantes ou discotecas, entre outros negocios.
O presidente da Confederación Empresarial de Hostalaría da Galiza, Cheché Real, cualificou de "magnífica" a decisión do Supremo, aínda que lamentou que non a adoptou antes o alto tribunal galego.
"Non teriamos que facer todo iso", afirmou sobre as reunións que mantiveron as entidades que agrupan a empresarios e empresarias coa Xunta para concretar un novo plan para a hostalaría, con dous niveis que se van asumir en función das pautas de seguridade que adopte cada local e non pola incidencia epidemiolóxica por concellos.
"Non seque pasará agora", admitiu. Preguntado se cre que debería exixirse ese pasaporte, dixo que se por el fose a medida debería ser "co certificado". Con todo, incidiu en que é a súa opinión e que a decisión agora é "da Xunta e do comité clínico". "Estamos á expectativa", admitiu.
Unha ferramenta de control
Para o vicepresidente de Hostalaría Federada Galega (Hosfega), Sergio Fernández, é preciso coñecer polo miúdo o fallo do Supremo. O colectivo que representa tamén agarda polo que decida a Xunta, en relación a se mantén o novo protocolo, que tampouco considera a "panacea", ou aplica a esixencia do certificado.
En previsión de que o certificado volva ser unha prioridade para o Goberno galego agora que conta co apoio necesario, Fernández volveu a reclamar que lles dean "unha ferramenta". "Unha aplicación para poder utilizar e ter os datos", manifestou. Por todo iso, asegurou que están "á espera". "A Xunta é a que toma as decisións, a que leva a voz cantante, agardaremos acontecementos a ver que determinan", resumiu.
Sanidade mantén os seus plans
Mentres, desde a Consellaría de Sanidade apuntaron que o novo protocolo para o sector entrará en vigor "segundo o previsto", esta cuarta feira. Con todo, a medida aínda está pendente de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG).
"O que pasa é que os locais se cadra necesitan tempo para adaptarse ás normas", expuxeron asegurando que mañá poderán xa notificar "que queren estar no nivel uno ou dous". Sobre a decisión do Supremo, expuxeron que a acaban de coñecer, sen que, polo momento, fixesen máis valoracións respecto diso.