Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'

A resposta á pandemia desde a Atención Primaria

Publicamos a seguir o extracto da análise de Xosé M. Dios, médico especialista de Atención Primaria de Outes. A análise fai parte do suplemento especial do Sermos Galiza sobre un ano de pandemia. Un especial de 56 páxinas, que acompañará o xornal o 13 de marzo.

“Mediante a mentira, o home aniquila a súa dignidade como home”

(Immanuel Kant: 1724-1804, filósofo prusiano considerado a figura central da filosofía moderna).

A Atención Primaria (AP) estaba mal no ano 2019. Os recortes feitos nos últimos 10 anos polos gobernos de Feixoo (que xa leva 4 conselleiros de sanidade) xunto coa convocatoria de folga de abril de 2019 son a clave para facer que a administración abrise unha Mesa de Diálogo que levou os sindicatos e diferentes organizacións sociais, científicas e políticas á súa desconvocatoria in extremis polo ofrecemento do Sergas do Consello Técnico (CT) de AP de Galiza. Sabemos que a administración, cando non quere resolver un problema: “promove unha comisión”… pois ben Feixoo: promoveu 15. Este CT traballou arreo durante seis meses, de forma desinteresada, con 208 persoas de diferente ideoloxía, que chegaron, en novembro do 2019, ás conclusións que ten no seu poder o novo xerente do Sergas (... e van 2). Este deixou pasar un ano (coa desculpa da pandemia…) con 2.200 mortes e 4.000 contaxios de sanitarias e sanitarios sen facer nada. Despois de falar co Sergas, conseguimos pór en marcha, de novo, o CT, que non leva o ritmo que nós esperabamos e segue dándonos largas, para pór en marcha o novo modelo de AP na Galiza.

O sistema sanitario está impregnado de hospitalcentrismo. Todo o importante que se fai: desde o aparataxe, o persoal, etc. sucede neste nivel asistencial. A política austericida dos gobernos de Feixoo levou ao desmantelamento da AP que hoxe continua na Galiza. A precariedade laboral que existe (e que se promove desde o Sergas) provoca a falta tanto de profesionais como de estabilidade, de substitutos, de material, de oposicións reais que cubran as prazas vacantes e que teña en conta ás xubilacións, a emigración masiva de profesionais a lugares que de verdade dignifiquen a profesión que tanto traballo costa conseguir -neses lugares non gastan un peso na súa formación e nós formámolos e non nos beneficiamos da súa profesionalidade-. Isto leva consigo o deterioro máis importante que se recorda na AP.

E chegou a pandemia. Ao principio, as contradicións das e dos especialistas e os minutos de gloria das e dos políticos fixeron que a incerteza fose cada día maior. Pensouse que cursaría como algo parecido á gripe común, pero o tempo foi poñendo de manifesto que estabamos moi equivocados: o que se nos viña enriba era algo descoñecido e moito máis agresivo, en todos os sentidos, do que sabíamos.

A análise ao completo poderás lela este sábado no Sermos Galiza Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'.

Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.