Resposta nas rúas galegas contra as violencias machistas

Foto de GZContrainfo

Centos de persoas toman parte nas mobilizacións polo 25N convocadas en diferentes cidades e vilas de Galiza. Concentracións e manifestacións nas que se denunciaron as violencias machistas.

Corenta e cinco mulleres asasinadas no Estado español no que vai de ano, segundo o cálculo da administración. Os xulgados galegos reciben de emdia 18 denuncias por violencia machista cada día. No primeiro semestre aumentaron en 22% a respecto dese mesmo período de 2016. Entre xaneiro e xuño a xustiza emitiu no noso país case 1.000 ordes de protección. Desde 2009 participaron no programa de atención psicolóxica para vítimas da violencia machista 2.737 mulleres e 980 menores. Entre 2010 e 2017 foron asasinadas en Galiza 57 mulleres, segundo feminicio.net. O Ministerio do Interior recoñece que en Galiza 3.147 casos que son obxecto de atención policial e vixilancia administrativa permanente.

Todas estas realidades tiveron resposta nas rúas este 25 de novembro, Día Internacional da violencia contra as mulleres. Colectivos e entidades do feminismo galego, como a Marcha Mundial das Mulleres e a Plataforma Feminista Galega, chamaron a se mobilizar en varias cidades e vilas galegas. ‘Contra a violencia machista, insubmisión feminista’ e ‘O machismo oprime e mata dende a infancia. Organicémonos para combatelo!’, foron algúns dos lemas das mobilizacións. Miles de persoas tomaron parte nas convocatorias.

 

Unhas manifestacións nas que se reclamou que a violencia machista, a violencia patriarcal e a cultura da violación son realidades que hai que combater como un problema social e político. "Non estamos todas, faltan as mortas", "Querémonos vivas" ou "Contra o patriarcado, feminismo organizado" forn algunhas das palabras de orde. Na mobilización de Compostela, que encheu a Praza de Praterías, tomaron parte Luis Villares (En Marea) e Ana Pontón (BNG).

“Esiximos orzamentos que se tomen en serio a violencia afrontándoa desde todos os ámbitos sociais. Rexeitamos pactos de estado que manteñen a violencia no ámbito doméstico e de parella negando a existencia dunha estrutura de opresión das mulleres. Non queremos políticas de foto e apertóns de mans, queremos solucións e recursos contra a violencia que sufrimos”, indica o manifesto da MMM polo 25N. No comunicado da PFG afirmábase: “Non nos deixaremos enganar. Non queremos parches, non queremos cadeas de cores bonitas que nos fagan crer que non se pode avanzar máis. As mulleres combatemos todos os rostros das violencias patriarcais, e facémolo tecendo redes entre nós, denunciando cada ataque sexista, homófobo, racista… A sombra do sistema patriarcal é grande e esténdese por todos os recunchos, pero nós estamos xuntas e sabemos que a nosa alianza contra todas as violencias machistas é máis poderosa que calquera intento de silenciarnos”.

 

Imaxes: @GZcontrainfo @galizacig e @EUCoruña