25N

A violencia machista, materia pendente da xustiza

[Imaxe: GZ Foto]

Os xulgados galegos reciben de media cada día 18 denuncias por violencia machista e máis de 3.100 mulleres contan con protección e seguimento, un 22% máis que en 2016. As cifras crecen, mais non os recursos. Tanto Paz Filgueira, xuíza do xulgado de violencia sobre a muller de Vigo, como Pilar Fernández, fiscal especializada do ramo, ofrecen para Sermos Galiza unha radiografía que pon de manifesto a falta de formación e de compromiso político. Eis un extracto do publicado do Sermos 173.

Até o 30 de xuño, 3.354 mulleres deron o paso de denunciar, un 22% máis que no mesmo período de 2016. Isto significa que, de media, interpuxéronse 18 denuncias ao día. Estes son os dados oficiais, os recollidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial, mais as cifras da violencia machista son maiores. Non se sabe canto, pois non todas as mulleres vítimas de malos tratos se atreve a denunciar. “Para que condenen os feitos constitutivos de delitos dos que son vítimas, precisamos a súa colaboración e axuda. Isto é unha loita que require o esforzo de todas e todos”, sinala Pilar Fernández, fiscal especializada. En canto ás renuncias, a xuíza Paz Filgueira, titular do xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, afirma que “a partir do segundo ou terceiro ano, conseguín que baixasen as renuncias; envorcarte na situación e ver que o sistema vai progresando tamén axuda”.

 

Mais ao sistema quédalle moito por progresar. De feito, a xustiza non conta nin co básico: zonas diferenciadas para vítimas e agresores. “Debería haber unhas instalacións que garantan que non se crucen; debería haber máis de dúas salas”, afirma Paz Filgueira, quen, aínda que ese non é o seu labor, ten mediado para evitar ese encontro, até o punto de meter no seu despacho “unha muller con 25 puntos na cabeza” coa súa avogada mentres agarda. Pilar Fernández cre que en todos os xulgados “deberían existir lugares acaídos e dignos, para que todas as persoas que colaboran coa administración da xustiza, e non só as vítimas, senón tamén testemuñas, esperen a seren chamadas para a celebración do xuízo”. Engade que cómpre garantir “a non confrontación visual co acusado” e insta a ser “proactivos, e non só cando a vítima o solicite”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 273 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]