A resposta da APDR a Ence: “Mentimos nós ou son vostedes os mentireiros?”

Un camión con madeira chega ao complexo industrial de Ence na ría de Pontevedra (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).

A ampliación da celulosa de Lourizán suporá un incremento no consumo de eucalipto de 1.316.713 t/ano a 2.100.000 t/ano

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra denunciou a pasada semana unha manobra da Xunta da Galiza e de Ence Enerxía e Celulosa S.A. para ampliar a fábrica pasteira de Lourizán, e con iso, “o aumento da agresión ao medio”.

Segundo a plataforma, aínda que a Xunta “vende” que a modificación do Plan sectorial de incidencia supramunicipal (PSIS) para o asentamento industrial de Lourizán ten por obxecto a diminución dos impactos ambientais, do consumo enerxético e da auga, das emisións á atmosfera e das verteduras á ría, a APDR alertou de que o proxecto —ao que presentarán alegacións— suporá un aumento da produción de pasta, do volume de verteduras á ría e do consumo de auga.

A resposta de Ence a estas declaracións non tardou en chegar. Un día despois a pasteira acusou a APDR de mentira e asegurou que a modificación do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) —antes denominado PSIS— “non supón en absoluto unha ampliación” da súa fábrica en Pontevedra. Nun comunicado, a celulosa explicou que busca “pór en marcha avances e melloras que permitirán mellorar a competitividade e a sostibilidade da biofábrica”.

Asegurou tamén a compañía que a modificación do PIA “fará posíbel alcanzar unha maior eficiencia e flexibilidade” no uso da madeira de Eucalyptus nitens, para a fabricación de celulosa Kraft “da máis alta calidade”. E, no relativo ao consumo de auga, con esta proposta de modificación Ence sostén que non vai aumentar nin o seu consumo hídrico nin as súas verteduras.

Os datos da ampliación da factoría

Con todo, as cifras e os datos recollidos no Estudo Ambiental Estratéxico (EAE) sometido a exposición pública pola Xunta da Galiza sinalan cara a unha dirección diferente. Así llo fan constar desde a APDR a Ence, a quen apelan nun comunicado remitido na tarde deste sábado, 9 de marzo. 

Da análise da EAE “non se pode deducir” outra cousa que non supoña “unha ampliación pura e dura, cun aumento da superficie ocupada pola planta (uns 8.000 m2)”, aclara desde a APDR. Ademais, o consumo de eucalipto por Ence pasará de 1.316.713 t/ano a 2.100.000 t/ano, engaden, e, como consecuencia, incrementarase tamén o tráfico de camións de 345 por día a 375, así como a produción de pasta, “un aumento non cuantificado no documento pero recoñecido na páxina 177 do EAE”.

“Neste sentido, tendo en conta este aumento da produción e que os datos de emisión CO2, NOx, SO2 e partículas (táboa da páxina 213 do EAE) están expresados en función das toneladas producidas, as emisións totais destes contaminantes van superar as actuais”, indican.

En canto ao consumo de auga, a APDR teno claro. O EAE indica que o consumo de Ence non alcanzará “en ningún caso os 1,5 m3/s (129.600 m3/día) que actualmente ten concedidos). [...] É posíbel que por melloras na xestión da auga o consumo non se incremente por riba dos 14.000.000 m3 anuais”. O mesmo documento indica que o incremento da capacidade produtiva levará tamén a un aumento do caudal. Porén, segundo lembra a asociación, desde o ano 2022 a Xunta limitou a captación de auga á pasteira a 0,6 m3/s e que o consumo medio anual de auga para o período 2015-2020 foi de 12.370.987 m3/ano.

“É evidente que, tanto no consumo de auga como no volume de vertedura, vaise producir un aumento significativo. Onde están, pois, as mentiras? Mentimos nós ou son vostedes os mentireiros?”, cuestionan desde a APDR.