Pilar Mier

A viguesa que sufriu un trombo tras recibir a AstraZeneca: "Para que todo isto remate, debemos vacinarnos"

Unha sanitaria subtrae o contido dun vial de AstraZeneca (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
A viguesa Pilar Mier foi noticia a finais de abril por padecer o primeiro caso confirmado de trombose derivada da vacina de AstraZeneca. 'Nós Diario' conversa con ela após recibir a alta médica, e, unha vez "pasado o susto", convida a poboación a se inmunizar "para que todo isto remate".

O pasado 7 de abril a viguesa Pilar Mier, con 63 anos acabados de facer, recibiu a chamada do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para inocularlle a primeira dose da vacina. Debido á franxa de idade na que se atopa (de 60 a 65 anos), tocáballe a de AstraZeneca. "Daquela xa estaban a falar moito dos posíbeis trombos e sentín un pouco de medo, mais cando cheguei ao Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) e vin tanta xente tranquiliceime", explica en conversa con Nós Diario.

Segundo o Ministerio de Sanidade, a posibilidade de desenvolver un evento trombótico como consecuencia da vacina de AstraZeneca é de 0,0001%, é dicir, que é máis probábel sufrir unha trombose derivada da Covid-19, morrer nun accidente de tráfico ou gañar o "Gordo" da lotaría do Nadal. Pilar Mier, que non tiña patoloxías previas, gozaba de boa saúde e nunca padecera enfermidades graves, foi unha desas poucas persoas ás que lles tocou unha "lotaría mala", como ela mesma di.

"O día despois de vacinarme doíame o brazo e tiña unhas décimas de febre, mais non lle din importancia. Cando pasou unha semana comecei a atoparme moi mal e sufría unha dor persistente no abdome, polo que decidín ir a Urxencias", afirma. Unha vez alí, mencionou que recentemente recibira a vacina e foi sometida a diversas analíticas das que se concluíu que tiña as plaquetas e os linfocitos moi baixos. Porén, déronlle cita para unha semana despois co médico de cabeceira e enviárona á súa casa "con ibuprofeno e paracetamol".

Mais a dor non remitía e ao día seguinte volveu ao hospital. De novo, dixéronlle que non requiría ingreso e marchou. "Apenas unha hora despois tireime ao chan porque non aguantaba, pensaba que ía morrer, e o meu marido chamou ao 061", relata. No Hospital Álvaro Cunqueiro atendérona de urxencia e foi aí cando lle detectaron un hematoma nas glándulas suprarrenais. O persoal sanitario non tardou en confirmar o que ela temía: tratábase do primeiro caso de trombose como efecto secundario dos viais de AstraZeneca na Galiza.

Mier pasou 15 días ingresada en planta con "cólicos" e "moita dor". Agradece o labor das e dos profesionais da Sanidade pública e o "apoio permanente" da súa familia, especialmente do seu marido, mais dese período só lembra a incerteza sobre o que estaba a acontecer: "Non estaba ben, fixéronme moitas análises e a dor tardou moito en remitir pese a que me deron altas doses de cortisona para paliar a trombose".

Naqueles días converteuse no díxomedíxome de toda Galiza: "Falaban de min nas noticias, todo o mundo estaba pendente da miña evolución. Chegaron a dicir [o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha rolda de prensa do Comité Clínico] que recibira a alta unha semana antes de que ma desen, mais eu o único que sabía era que a dor non cesaba e que non sabía cando podería volver á miña casa", di.

"Por responsabilidade, debemos vacinarnos"

Pilar Mier recibiu a alta médica na pasada sexta feira, 30 de abril. Desde entón garda repouso no seu domicilio e segue un tratamento de anticoagulantes para evitar que se poida reproducir un novo evento trombótico. "Agora véxoo con perspectiva e todo está ben, porque afortunadamente quedou nun susto e puiden contalo", asegura.

Así as cousas, a viguesa é consciente da gravidade da pandemia e convida a cidadanía galega a acudir á chamada do Sergas: "Por responsabilidade, polo ben de todas e todos, temos que ir vacinarnos. Eu inevitabelmente metín o medo no corpo porque tiven a mala sorte de que me tocase, mais non serei quen de dicir á xente que non se inmunice", matiza, e salienta que o seu irmán foi vacinado esta mesma semana.

"Agora só quero que todo isto remate e poder ver a toda a familia de novo reunida, porque iso é o máis importante", conclúe.