Alertan das eivas da nova ABAU de 2024: "O estudantado non se examinará en condicións de igualdade"

Exámenes de ABAU en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Advirten de que "se compromete moi seriamente o acceso á universidade do estudantado con necesidades de adaptación" e "sométese a un nivel de estrés moito maior todo o estudantado por estenderse as probas en horarios e datas".

As persoas responsábeis das Probas de Acceso e Admisión á Universidade (ABAU) de todo o Estado publicaron esta sexta feira un comunicado no que aseguran que "non é viábel" a realización da nova ABAU para 2024.

Neste comunicado, sinalan que "as probas de acceso son un elemento fundamental para o futuro universitario de millares de estudantes" e destacan que "se descoñecen os modelos de exame e os seus criterios de corrección co tempo suficiente, así como o contido detallado da orde ministerial que regulará estas probas".

Por todo iso, consideran que "non hai tempo material para que os centros organicen adecuadamente unha programación docente para o curso 2023/2024 nin para que impartan con garantías a formación previa do estudantado".

Así mesmo, as universidades "tampouco disporán do tempo necesario para organizar as probas, o cal impedirá que os estudantes se examinen en condicións de igualdade e equidade", segundo trasladou nun comunicado  a Universidade Pública de Navarra (UPNA).

“Non é viábel”

Deste modo, aseguran que "non é viábel asumir a incorporación dos novos modelos de exame nin da duración prevista para cada un deles para as probas selectivas de 2024".

Advirten de que "se compromete moi seriamente o acceso á universidade do estudantado con necesidades de adaptación" e "sométese a un nivel de estrés moito maior todo o estudantado por estenderse as probas en horarios e datas".

"Atrasar a implatanción a 2025"

Desde a Conferencia da Reitores da Universidades Españolas (CRUE) sinalaron a través dun comunicado que “é imprescindíbel atrasar o comezo do período de implantación do novo modelo até 2025. Non é realista afirmar que existe suficiente tempo para pór en marcha devandito modelo en 2024 e prexudicarase gravemente o estudantado que este curso estea matriculado en primeiro de bacharelato”.