As residencias manteñen máis de 560 doentes de coronavirus

Persoal sanitario atende a un residente do centro de San Cibrao nunha ambulancia. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os datos facilitados esta terza feira pola Xunta indican que hai 334 usuarias e usuarios afectados así como 233 traballadoras.

O listado de persoas infectadas pola Covid-19 nas residencias de maiores vive nun constante movemento aínda que hai unha certa estabilidade ao ver que os números sempre son elevados. Más de 330 maiores e 233 traballadoras e traballadores continúan enfermos.

Malia que esta terza feira se retiraron varias afectadas por dar negativo nas probas PCR en espazos como Nosa Señora dos Miragres de Barbadás, DomusVi Lugo en Outeiro de Rei, Santa Olalla en Boqueixón ou Salvaterra de Miño, entre outros centros, as cifras seguen a ser elevadas.

Pode que as baixas sexan máis que as altas, pero iso non impide que os grandes gromos se prolonguen con casos activos durante polo menos unhas semanas.

Segundo as autoridades sanitarias hoxe segue habendo usuarias afectadas en 27 centros residencias de todo o país. Iso si, hai surtos especialmente preocupantes.

É o caso do de Doral Residencias (Mos) onde hai 96 casos positivos entre as e os residentes; DomusVi Ribadumia con 45 pacientes; Ballesol Vigo que suma 41 contaxios; ou San Cibrao, onde se notifican 23 doentes.

Noutros puntos como a residencia Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume quedan cinco casos activos, se ben é certo que nos últimos días tiveron lugar moitos pasamentos de usuarias. Tamén en Salvaterra de Miño se contabilizaron moitas vítimas e, con independencia das curacións, fican co virus 20 persoas.

Na DomusVi Coruña, en Oleiros, a cifra de doentes é de 16 e na Santa Olalla, de Boqueixón, están nos 11. En Guntín, o xeriátrico San Salvador segue a ter unha decea de persoas con síntomas do coronavirus.

Traballadoras e centros para a discapacidade

No que se refire aos cadros de persoal, hai 233 operarias e operarios en corentena ou sendo atendidos en centros sanitarios. Neste caso as infraestruturas que teñen o persoal reducido pola pandemia son 44.

En moitas delas só hai unha empregada enferma, pero tamén hai grandes baixas na Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume (18); San Cibrao (14); Santa Olalla, de Boqueixón (9); Nosa Señora dos Miragres de Barbadás (30); Ballesol Vigo (12); ou Domusvi Ribadumia (27). O gromo de Salvaterra de Miño afecta a 17 traballadoras e do da Doral, de Mos, a 36.

As residencias destinadas a persoas con discapacidade teñen 46 usuarios e 12 traballadores vixiados por esta enfermidade. Un total de 14 beneficiarias pertencen á DomusVi Bóveda, 15 a San Vicente de Paúl, en Lugo, e o resto ao servizo de Doral Residencias en Mos.